Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLAN GALEGO DE CONVIVENCIA

A Xunta destina 30 millóns á integración social dos inmigrantes

O programa pretende facilitarlles aos estranxeiros o acceso aos servizos públicos, promover a súa integración laboral e mellorar a convivencia cidadá.

Redacción - 19:11 07/02/2008

O Goberno aprobou destinar máis de 30 millóns de euros ao Plan galego de convivencia, cidadanía e integración 2008-2011. Promovido pola Secretaría Xeral de Emigración, procura conseguir a integración dos inmigrantes na sociedade. Para a elaboración do proxecto contouse coa participación do Consello Galego da Imigración, onde están representadas as administracións galega, estatal e local, sindicatos, asociacións, ONG e universidades.

O plan, que terá no primeiro ano unha dotación de 7.250.000 euros, baséase no acceso normalizado dos inmigrantes aos servizos públicos, a promoción da integración laboral e o impulso da convivencia cidadá en termos de diversidade. Divídese en 308 accións, das que o traballo e a educación supoñen un terzo. Ademais, as administracións locais terán un papel fundamental, por seren as máis próximas á cidadanía.

A Secretaría Xeral de Emigración destinará un millón de euros ás sete cidades galegas e ao Consorcio das Mariñas para que calquera inmigrante poida acceder aos servizos de atención inmediata a menos de 50 quilómetros do seu lugar de residencia. O plan aprobado esta quinta feira polo Consello da Xunta pretende, así mesmo, incorporar a perspectiva de xénero en todas as actuacións en materia de inmigración, loitar contra o racismo e contra a xenofobia e evitar a discriminación. Segundo o padrón de xaneiro de 2007, viven en Galiza 81.446 estranxeiros, dos que 41.810 son mulleres. A provincia con máis empadroados é Pontevedra, con 31.805, seguida da Coruña, con 28.137.


5/5 (2 votos)

Comentarios (1)

COUTOVEN #1 8/Febreiro/2008 COUTOVEN

Eu vexo ben o apoio ás comunidades extranxeras que fan vida en Galiza porque a gran maioría das mesmas axudan ao desenvolvemento da nosa nación.

Pero hai unha cousa que se chama RECIPROCIDADE. Se, reciprocidade. O goberno galego non pode nin debe dar un servizo a un cidadáns estranxeiro cando o seu país de orixe non lle ofrece similitude de beneficios aos galegos que viven nos mesmos.

É un anti sentido garantir atención médica e farmacolóxica a un inmigrante, mentres no seu país de orixe inmigrantes galegos legais por décadas que pagaron impostos e cotizado á seguridade social. Pasan meses e ata anos para acceder a unha miserable pensión e do achegue de medicación para patoloxías agudas e crónicas nin falemos. Ou simplemente pásense meses para tramitar un pasaporte e estean sometidos a vejámenes inconfesables sen considerar idade e estado de saúde. Moito menos pensar dispor do seu diñeiro nas mesmas condicións como os inmigrantes en Galiza manexan as súas remesas ao exterior.

É inxusto que en países como Venezuela para tramitar un documento como aplicar apostílaa da Haia un cidadán galego ten que trasladarse a Caracas que nalgúns casos poden ser mais de 500 Km. (desde Barquisimeto, Acarigua, Maracaibo, etc) e resulta que en España se fai por correo e é practicamente gratuíto en boa parte dos casos. Co agravante que os documentos apostilados en España moitas veces son rexeitados inxustificadamente por non pasar pola embaixada Venezolana contraviniendo os convenios internacionais.

A RECIPROCIDADE é unha obrigación ineludible. E enténdase, non por quitarlle dereitos humanos a persoas que axudan á comunidade galega. Pero se a estas persoas infórmaselles os motivos polos cales non teñen accesos a certos beneficios, estes influirán ante os seus gobernos para que brinden un trato igualitario.

Paréceme moi ben que a Xunta actuei na defensa da comunidade inmigrante, pero tamén ten que velar por que se respecten os dereitos adquiridos da comunidade galega na diáspora.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: