Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROTECCIÓN DO PATRIMONIO

As mámoas interesan

Todas as cámaras megalíticas de Galiza serán declaradas Ben de Interese Cultural e quince delas integrarán o Parque Arqueolóxico da Costa da Morte.

Redacción - 19:00 08/02/2008

Coa declaración de todas as mámoas dp país como Ben de Interese Cultural incrementarase o grao de protección que ofrece a lexislación sobre as estes ben, reducindo os riscos de ataques. Actualmente só figuran con esta clasificación os dolmens de Axeitos e de Dombate e o conxunto de mámoas de Santa Mariña.

Quince destes monumentos megalíticos formarán o Parque Arqueolóxico da Costa da Morte, con monumentos en Vimianzo, Zas, Laxe, Mazaricos, Malpica e Carballo, e no que destaca o Dolmen de Dombate, principal valor do parque. Así pois, ao longo de 2008 a Consellaría de Cultura adquirirá as mámoas de Pedra da Arca ou Casa dos Mouros (Baíñas, Vimianzo), Pedra da Lebre ou Serramo (Serramo, Vimianzo), Pedra Moura de Monte Carneo (Treos, Vimianzo), Pedra Cuberta (Treos, Vimianzo), A Mina de Recesinde (Carantoña, Vimianzo), Arquiña de Vilaseco (Castrelo, Vimianzo), A Casota de Berdoias (Berdoias, Vimianzo), a necrópole de Chan do Cabral (Baíñas, Vimianzo), Arca da Piosa (Muíño, Zas), Pedra Vixía (Lamas, Zas), Fornella dos Mouros (Nande, Laxe), A Mina da Parxubeira (Eirón, Mazaricos), Pedra da Arca (Cerqueda, Malpica), e Pedra Moura (Aldeamunde, Carballo).

Cinco parques de patrimonio arqueolóxico
O Parque do Megalitismo formará parte da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico, un ambicioso programa para poñer en valor o patrimonio cultural de natureza arqueolóxica impulsando, simultaneamente, a súa conservación e a súa promoción social e económica. A rede estará formada por cinco centros de referencia: o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa situarase en San Cibrao de Lás; o Centro de Interpretación da Arte Rupestre de Campo Lameiro; o Centro de Interpretación e Museo da Romanización, en Lugo; e o dedicado ao patrimonio arqueolóxico subacuático, situado no Museo do Mar.


4,56/5 (9 votos)

Comentarios (5)

CGB #1 11/Febreiro/2008 CGB

Que o patrimonio megalítico da Costa da Morte con auténticas marabillas coma Dombate en Borneiro ou Pedra da Arca en Baíñas ou Pedra Cuberta en Treos permaneza esquecido e no abandono é moi triste. Hai bos exemplos de "Grandes Pedras" das diferentes etapas da cultura megalítica desde o máis vello exemplo que é o chamado Dombate Antigo ata digamos os máis novos que son a Fornela do Aplazaduiro (Nande-Laxe) ou a Casota de Freán (Berdoias-Vimianzo). Temos riqueza pero non temos cultura ningunha porque a maioría das ANTAS e Mámoas están antre toxos e silvas. A min paréceme sinceramente que non hai que botarlle no lombo á Xunta toda a responsabilidade porque os concellos das comarcas que forman a Costa da Morte teñen moitísima responsabilidade. Para limpar de mato aos monumento non necesitan da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.Se o Parque do Megalitismo é o máis retrasado na súa execución será porque os alcaldes só miran para o aquelo que lles poida xuntar algún votiño e claro as pedras non votan.Estiven en Carballo nun estupendo Simposio Internacional que organizou hai un par de anos unha asociación de Vimianzo e a verdade que aprendín moito. Sobre todo cando visitamos varios destes monumentos guiados por especialistas coma A.Rodríguez Casal e C. Le Roux.

Barbara #2 11/Febreiro/2008 Barbara

Unha peniña a verdade que unha zona tan fermosa teña desaproveitado un recurso tan importante. O megalitismo ben promocionado é fonte de riqueza (véxase Bretaña e Irlanda)pero nas comarcas da Costa da Morte loitan aínda os de Cee contra dos de Carballo polas estremas dunha leira. Hai que ser serios e unir esforzos para que o PARQUE DO MEGALITISMO sexa unha realidade.Non fagamos electoralismo con actuacións que benefician a todo o territorio no que hai concellos gobernados polos tres partidos con representación no Pazo do Hórreo. A xente que visita calquera destes monumentos non está pensando se toma un café antes da ponte de Baio (en Zas) ou despois da ponte(en Vimainzo). Temos que ofrecer servizos e o megalitismo é da mellor calidade.

Artiguista #3 11/Febreiro/2008 Artiguista

Supoño que parte do retraso en poñer en funcionamento o Parque do Megalitismo da Costa da Morte estivo motivado polo minifundismo dalgúns alcaldes que andaban manobrando pola Consellería de Cultura para ver se o "Anta-Disney" viña para o seu término municipal. O de sempre... a ignorancia interesada e nada máis. Hai alcaldes que non están lexitimados para pedir nada porque tiveron no abandono aos monumentos. Agora e pensando que farán un edificio xigantesco queren enchufar aos seus e que pague a Xunta os salarios. Claro que desde a Consellería de Cultura tampouco foron especialmente espelidos para axilizar a concreción do Parque e tiveron dúbidas que aínda non resolveron. Desde a Dirección Xeral de Patrimonio houbo ao principio a idea de apostar por un Centro de Interpretación en Dombate pero logo foron mudando ao decatarse de que un monumento non fai un parque.Tendo unha ducia de antas espalladas entre Aldemunde (Carballo) e Eirón(Mazaricos)non parece moi útil un único lugar de información e divulgación.Trátase de camiñar, de recorrer quilómetros para visitar varios exemplos da primeira arquitectura de Galicia e para iso abonda con que o entorno do monumento estea adecentado e sinalizado (áreas de protección e dúas ou tres cabanas con paneis explicativos e folletos). Os puntos de información deben coa presencia de persoal especializado que promocione con convicción e axude así a poñer en valor tan importante riqueza patrimonial.

AURINEGRO #4 11/Febreiro/2008 AURINEGRO

Cando visito aquela fermosa zona sempre penso no pouco promocionada que está. A Costa da Morte debería estar inzada de Centros de Interpretación e de Información e de Divulgación con paneis explicativos. Hai boas obras de consulta (eu teño dos libros estupendos,un sobre antas e outro sobre faros)pero non hai sinalización.Coido que se poden aproveitar as cabanas de madeira propiedade da Deputación Provincial da Coruña que estiveron case todas pechadas nos concellos en que se instalaron.Non hai facer grandes obras pero algo hai que facer antes do verán porque senón "apaga e vámonos". En cada cabana pódese instalar media ducia de paneis dos monumentos máis cercanos e un guía-informador ben preparado para o seu labor. Non vale calquera enchufado por un familiar do señor alcalde.O traballo de promoción é moito máis importante do que parece (un bo promotor fai marabillas).As obras en Dombate levarán o seu tempo pero a instalación duns puntos de información non teñen maiores complicacións e ademais con pouco investimento.

NOVOGARDEL #5 12/Febreiro/2008 NOVOGARDEL

A mocidade da Costa da Morte sen traballo e cun alto índice de emigración e teñen o seu patrimonio esquecido. Coincido coas opinións de que os concellos levan anos sen preocuparse de poñer un carteliño para sinalizar e informar sobre os seus recursos patrimoniais (sexan históricos ou naturais). Tamén é certo que a Xunta está sendo moi lenta.A promoción turística da Costa da Morte debe estar centralizada nun organismo público ou semi-público (Consorcio) que marque as liñas de actuación por enriba do minifundismo dos concellos que queren mil folletiños sempre e cando o seu viviño non reciba ningún ou en todo caso moitos menos. A promoción do turismo natural e cultural non pode estar en mans particulares (os particulares están para apoiar pero non para dirixir nin xestionar)senón nas de entidades especializadas neste campo. Para min o mellor é que se cre unha entidade a tres bandas: Xunta, Deputación e concellos na que a voz dependa da cota de participación. Non é democrático que Peteliños de Abaixo que representa a 1000 habitantes teña poder de veto diante do representante de 300.000 ou de 3.000.000 millóns de habitantes. A cada un o seu e poñendo cartos porque hai que rir rematando cos tempos de vivir do conto das subvencións. Un dos lugares de maior potencialidade é a Costa da Morte pero hai que acelerar un pouco antes de que chegue a vindeira glaciación.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: