Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas á iniciativa do PP

ONGs acusan de "xenófoba" a proposta dun contrato para os inmigrantes

O PP di que "obrigaría" os inmigrantes a respectar os costumes españois e traballar "activamente" para integrarse. As ONG acusan a medida de "xenófoba" e din que deixaría a sorte do inmigrante "en mans do empregador".

Canal Solidario - 13:15 09/02/2008

Cumprir coa lexislación, respectar os costumes españois, traballar "activamente" para integrarse na sociedade, pagar os seus impostos, aprender castelán e volver aos seus países de orixe se ven que pasa o tempo e non atopan traballo. É a proposta en materia de inmigración que o líder do Partido Popular (PP), Mariano Rajoy, fai cara ás eleccións do 9 de marzo. Segundo o PP, coa firma deste contrato de valor legal, os inmigrantes tamén accederían aos mesmos dereitos que o resto de cidadáns. A medida, que segundo Rajoy existe noutros países como Francia, subscribiríase na primeira renovación do permiso de residencia e traballo dos inmigrantes.

Ante esta proposta, partidos políticos, sindicatos e organizacións sociais xa responderon dicindo que unha medida deste estilo podería deixar aínda máis en desvantaxe á poboación inmigrante que chega ao Estado español. Para a portavoz de SOS Racismo, Begoña Sánchez, a iniciativa é "totalmente xenófoba" e "lexitima" os tópicos sobre a inmigración. En opinión de Sánchez, con esta proposta o PP fai "demagoxia" co tema da inmigración e "fortalece a idea deles e nós". "Coma se a maioría de inmigrantes non traballasen e non cumprisen os seus deberes", puntualiza.

Neste contexto, SOS Racismo dirixiulle unha carta aos partidos políticos na que pide "responsabilidade e respecto" durante a campaña electoral e que se fale do tema migratorio "con rigor". Desde Andalucía Acolle, ademais, alertan de que estas declaracións alentan o medo entre a poboación cunha intencionalidade claramente electoralista, como xa fixeron en campaña outros líderes populares.

"Co que vimos loitando as asociacións por defender o dereito como persoas dos inmigrantes, agora a súa proposta choca por completo", explica Efraín Pardo, secretario xeral da Federación Estatal de Asociacións de Inmigrantes e Refuxiados, para quen a política defendida por Rajoy en materia de inmigración ten "unha forma utilitarista de ver ás persoas". Na mesma liña falou o presidente da Asociacion de Traballadores Inmigrantes Marroquís en España (ATIME), Kamal Rahmouni, quen dixo que o discurso de Rajoy está composto de "mensaxes que equivocan á xente e levan un contido que relaciona inmigración con delincuencia e inmigración con paro".

Sobre esta polémica tamén se pronunciaron personalidades como Jon Sobrino, xesuíta e expoñente da Teoría da Liberación que, en alusión á proposta electoral do Partido Popular, afirma que hai quen trata aos inmigrantes "como axentes laborais no canto de como seres humanos".

Pola súa banda, o portavoz da Comité Español de Axuda ao Refuxiado (CEAR), Mauricio Valente, explicou que a lexislación española estabelece que os inmigrantes teñen os mesmos dereitos e liberdades que os españois, e mostrouse preocupado pola "especie de competición" na que parecen estar metidos os partidos políticos na súa loita por "mostrar quen manteñen unha postura de maior firmeza fronte á inmigración".

"Un arma de chantaxe"
A proposta dun contrato de integración para persoas inmigradas atopou o rexeitamento de organizacións de apoio aos inmigrantes e de asociacións propias de inmigrantes, como Atime e a coordinadora nacional de ecuatorianos en España (CONADEE). Cear móstrase preocupada pola especie de competición na que parecen estar metidos os partidos políticos na súa loita por mostrar quen mantén unha postura de maior firmeza fronte á inmigración. Esta última entidade, por exemplo, denuncia que a proposta "deixaría en mans do empregador a sorte do inmigrante" ao proporcionarlle "un arma moi poderosa de chantaxe", xa que debería "regresar ao seu país se durante un tempo non logra atopar emprego".

Con todo, non todas as entidades opinan deste xeito. É o caso da asociación 'Centro Cultural Peruano Español da Comunidade de Madrid César Vallejo', cuxo presidente Juvenal Urtecho considera "estupendo e oportuno realizar ese contrato desde o punto de vista de que vai favorecer" aos inmigrantes "nos seus dereitos fronte á sociedade española". Segundo explicou Urtecho a Europa Press, de gañar as eleccións o Partido Popular e poñerse en marcha esta iniciativa, os inmigrantes "teriamos igualdade de dereitos" e os españois a obrigación de respectalos "por contrato", xa que "agora non hai ningún documento que estabeleza este compromiso de respectar os nosos dereitos".

Doutra banda, e coincidindo coa proposta de Rajoy, o secretario de Economía e Emprego do PP, Miguel Arias Cañete, acusou os estranxeiros de colapsar as urxencias dos centros de saúde e, en referencia aos inmigrantes que traballan na restauración, afirmou que o sector non ten na actualidade unha man de obra "tan cualificada" como a de antes. "Aqueles camareiros marabillosos que tiñamos, aos que lles pediamos un cortado, un non sei que, a miña torrada con crema, a outra con non sei que, a miña con manteiga colorada, e a min unha de boquerones en vinagre, e viñan e traíancho rapidamente cunha gran eficacia, non?", engadiu.


Ligazóns

4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: