Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
O primeiro ministro foi obxectivo doutro ataque

Ferido de gravidade o presidente de Timor Leste

Ramos Horta, presidente de Timor, resultou ferido de bala e tivo que ser operado de urxencia. O primeiro ministro, Xanana Gusmão, saíu indemne doutro atentado.

Redacción - 09:00 11/02/2008

O ataque contra o presidente José Ramos-Horta produciuse perto da medianoite, cando dous vehículos chegaron até a residencia presidencial e varios individuos comezaron a disparar. Durante o cruce de tiros no que resultou ferido o propio presidente, os soldados que o custodiaban abateron o presunto líder dos rebeldes, Alfredo Reinado, quen está acusado de homicidio no Tribunal Supremo pola actuación durante a vaga de violencia provocada pola súa expulsión do exército, xunto con medio milleiro de seguidores. De xeito paralelo a esta acción, o primeiro ministro, Xanana Gusmão, era obxectivo doutro ataque, moi cerca do propio pazo do goberno timorense. Malia que o seu coche recibiu varios disparos, non se produciu ningún ferido desta volta.

As forzas da ONU presentes na zona custodian xa a residencia do presidente e reforzouse a seguridade noutros puntos clave en todo o país. A tensión en Timor Leste medra desde o xoves, cando Alfredo Reinado xa protagonizara outro cruce de disparos con tropas das Nacións Unidas. Un día máis tarde, producíase unha explosión na base militar que ten Australia no centro da capital timorense, Dili.

Gusmão asume a presidencia temporalmente
A gravidade do presidente Ramos Horta fixo que tivese que ser operado de urxencia e a última hora trae noticia da estabilización da súa saúde. De xeito transitorio, o primeiro ministro Xanana Gusmão convértese en presidente. Ao respecto dos ataques, Gusmão explicou que se trata dun intento de golpe de Estado. Tamén o cren así Australia e Nova Celandia, países que lideran a misión da ONU no país e que anunciaron que incrementarán a presencia militar no país para garantir a estabilidade.


4.11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: