A queixa presentada en 1999 deu lugar a apertura dun expediente de infracción por incumprimento de lexislación comunitaria, concretamente se denunciaba o incumprimento da directiva 91/271/CEE sobre augas residuais urbanas. A Ría de Pontevedra, que tiña sido declarada zona sensible a nivel de cumprimento da citada directiva, estaba a recibir unha desmedida carga contaminante en forma de vertidos de augas residuais urbanas, moi por riba das esixencias legais que se establecían. Por unha banda, o baixo nivel de depuración das augas residuais de orixe doméstico traducíase en importantes aportes de materia orgánica pero, sobre todo, os vertidos escasamente depurados de ENCE que introducían e seguen a introducir toneladas de compostos orgánicos cada día implicaban un evidente incumprimento da directiva 91/271/CEE. Con posterioridade á presentación da queixa, que deu lugar á apertura dun expediente de infracción e unha posterior comunicación de apercibimento ao estado, a APDR, foi informando á Dirección Xeral de Medio Ambiente da Unión Europea de que si ben se tomaron certas medidas para diminuír a contaminación de orixe doméstico, a administración responsable estaba a tolerar e mesmo a autorizar a principal fonte de contaminación da Ría de Pontevedra.
Diante das dúbidas crecentes na APDR sobre a corrección na tramitación do expediente, a Asociación solicitou o ano pasado toda a documentación contida no mesmo, co convencemento de que os responsables da administración en materia de xestión de augas e de vertidos están a subministrar información falsa sobre o grao de cumprimento da directiva; doutro xeito non se entende como un incumprimento tan claro da lexislación comunitaria non teña levado aínda, despois de máis de sete anos, á toma dunha decisión. Por outra parte, a administración galega xa tiña enviado datos falsos ao principio da tramitación do expediente nun intento por deter o seu avance.
A pesar de que o dereito comunitario ampara o acceso dos cidadáns á información en materia de medio ambiente para calquera asociación ou particular, a Dirección Xeral de Medio Ambiente primeiro e a Secretaría Xeral da Comisión Europea despois, denegaron tal información amparándose no feito de que se trata dun expediente sancionador aínda en fase de tramitación.
Pero para a APDR, un caso tan claro de incumprimento de lexislación comunitaria non pode requirir unha tramitación tan dilatada e, aínda que é filosofía na Comisión Europea intentar convencer aos estados da necesidade do cumprimento da directiva antes que sancionar, pódese con facilidade comprobar que case oito anos despois, a administración responsable dos vertidos á Ría de Pontevedra, a Consellería de Medio Ambiente, non tomou nin está a tomar ningunha medida que permita cumprir cos límites que a directiva 91/271/CEE establece.
A APDR diríxese agora ao Defensor do Pobo, unha instancia que no eido europeo resolve estas reclamacións, solicitando por unha banda unha axeitada tramitación do expediente de infracción que se traduza na desaparición dos vertidos contaminantes ou na sanción ás autoridades responsables dos vertidos á Ría de Pontevedra; por outra, co obxecto de poder contribuír á detección e corrección das deficiencias na tramitación que a están a dilatar de forma absurda, solicítaselle que se lle de acceso á documentación contida no expediente de acordo coa normativa que recolle explicitamente o dereito ao acceso á información en materia de medio ambiente en posesión das autoridades comunitarias.