Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dez anos estancado

A CIG rexeita o convenio do téxtil e reclama un descenso da xornada laboral

O sindicato denuncia que no actual convenio tan só se introduce a estandarización das táboas salariais sen ningunha outra modificación.

Redacción - 14:00 11/02/2008

Representantes do sector téxtil da CIG decidiron, tras dunha Asemblea de delegados, non subscribir o novo convenio proposto para o sector. Segundo indicou a responsábel comarcal da FGAMT da Coruña, Dolores Martínez, “durante máis de dez anos este documento tan só fixo as modificacións correspondentes á estandarización das táboas salariais, sen ter en conta ningún outro cambio”. Dende o sindicato indican a necesidade de reducir a xornada laboral anual, a redución dos contratos eventuais, ou o incremento salarial, entre outros aspectos.

Tras a asemblea, fixéronse públicos os puntos que dende a CIG queren incluír na redacción do documento e que pasan en primeiro lugar por reducir a xornada laboral anual, que actualmente alcanza as 1818 horas e que pasaría a ser de 1730 horas anuais. Trátase segundo Dolores Martínez, dunha xornada “excesiva, fóra do seu tempo, sendo este un dos poucos convenios colectivos que aínda a manteñen”.

Na reunión decidiron tamén reclamar que neste convenio se introduzan un complemento polo que se poida percibir o 100 por cento do salario en caso dunha IT, sexa cal sexa a causa da baixa. Actualmente non se cobra a totalidade do soldo aínda que a baixa sexa por accidente laboral. Neste senso, outra das reclamacións feitas públicas polo sindicato é o incremento dos permisos retribuídos por enfermidade dun familiar, por lactancia, ou para acudir á consulta médica con fillos menores de oito anos, permiso que actualmente non estaba retribuído.

Reducir a contratación eventual

O incremento rexistrado nos contratos eventuais é outra das preocupacións da FGAMT-CIG, xa que, segundo indica Dolores Martínez, “nalgunhas empresas chega incluso ao 100 por cento dos empregados”. A demanda do sindicato pasaría por reducir esta porcentaxe até un máximo do 30 por cento dos asalariados, e incrementando tamén as indemnizacións, de 12 a 24 días de salario por ano.

Con respecto ás traballadoras e traballadores do téxtil, a maioría están incluídos na categoría de auxiliar, polo que se reclama para este grupo o estabelecemento da categoría apropiada en cada centro segundo a porcentaxe e o incremento salarial interlineal de 750 euros sobre o salario base. Para o resto das categorías solicítase un aumento do cinco por cento.

O actual convenio inclúe en termos económicos “uns mínimos”. Segundo a secretaria comarcal da FGAMT na Coruña “tan só aparecen recollidos os salarios e as pagas extraordinarias, non inclúe cursos asistenciais, nin de produción, nin ningún outro, co que os traballadores do sector están moi lonxe de acadar o salario suficiente para afrontar o custe da vida”.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: