Pensa que o que fixo foi enganar aos Orlando para conseguir un mellor contrato no baloncesto español.
O xornal norteamericano Florida Today publica este sábado, asinado por John Denton, un artigo sobre o fulgurante ascenso de Paul Gasol na NBA. Nel chámanlle pioneiro, un dos primeiros xogadores do Estado Español que decidiu dar o salto á mellor liga do mundo, e que abandonou o Barcelona para procurar o éxito nos EUA. Segundo o xornalista, a proeza de Gasol abriulle as portas a outros xogadores do Estado Español.
"Así que, naturalmente, Gasol séntese decepcionado polo camiño que escolleu o seu compatriota Fran Vázquez", di a seguir o citado artigo, recollendo unhas declaracións do catalán nas que critica duramente a actitude do pívot galego, que, segundo di, enganou aos Orlando Magic (que o escolleran na seleccións de xogadores noveis, o NBA Draft 2006), e á NBA para conseguir un contrato máis substancioso no Estado Español.
"Trátase dun show total", dixo Gasol, "impresionoume polo seu xogo, o mesmo que aos Orlando", "pero el non colleu a oferta dos Magic. Foise para o lugar máis cómodo e que lle daba máis cartos". Segundo o pívot catalán, Vázquez non aceptou o desafío que lle propuñan e, por isto, decepcionouno, xa que a súa actuación "pode afectar a outros xogadores que veñan detrás del".
Gasol terminou dicindo que o xogador chantadino ten potencial como xogador, pero o seu proceso de toma de decisións segue sendo moi dubidoso: "En conxunto, coa lonxitude, a altura e o resultado que ten", Vázquez é bo, dixo o catalán, "mais el nunca foi moi sabio".