Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Din que a lei de estranxeiría "é racista"

O Foro de Inmigración quéixase da "falta de respecto" na precampaña

"Descoñecemento" e "electoralismo" son os criterios cos que se está falando de inmigración cara ao 9M, segundo os colectivos sociais que apoian o foro.

Redacción - 13:30 12/02/2008

O Foro Galego de Inmigración entende que si é necesario mudar a Lei de Estranxeiría, mais eses cambios deberan introducirse no sentido de eliminar as faragullas de "racismo" e "discriminación" nas que se inspira, segundo critican.

A plataforma convida os partidos a que non eviten o tema en campaña electoral, pero propón que o traten desde un punto de vista "serio e razoábel". Nese sentido, achegan varias recomendacións, a primeira delas, que no caso das persoas que están no Estado en situación irregular se lles garanta cando menos que gozarán dos dereitos básicos e que no caso dos inmigrantes legais a situación sexa "de igualdade completa".

Do mesmo xeito, outras circunstancias ás que debera atender a lexislación serían a substitución dos expedientes de expulsión por sancións económicas "cando non hai delitos" ou o estabelecemento de autorización para poder traballar sen limitacións de actividade ou lugar cando se dispoña de autorización de residencia. Tamén solicitan que se melloren os catálogos provinciais de ocupacións laborais de difícil cobertura e se aumente a dotación de persoal e medios nas oficinas de estranxeiría.

O Foro Galego de Inmigración considera que o uso "electoralista" da realidade da inmigración está demostrando "unha falta de respecto absoluta" cara á situación de millóns de persoas no conxunto do Estado. Láianse ademais do "fondo descoñecemento da realidade de inmigración" da que dan exemplo os discursos os principais dirixentes políticos.


3,67/5 (3 votos)


Comentarios (1)

Barbara #1 12/Febreiro/2008 Barbara

Os inmigrantes crean riqueza no país que os recibe. Pensemos no caso galego que deixou a súa pegada de esforzo por América adiante. Foi Galicia a que perdeu xa que as parroquias quedaron baleiras. Se fose mala para a economía a entrada de inmigrantes non entraba ningún (agás, claro está, os casos de guerras e fame no lugar de orixe). As repúblicas americanas tiveron as portas abertas porque necesitaban man de obra. Eran países novos que estreaban independencia. O mesmo sucede aquí pero hai quen quere xuntar votos dicindo salvaxadas racistas e clasistas en contra de xente que busca un lugar e un fogar ao abeiro das tempestades.Se algo hai que agradecerlles a estes larpeiros do suor alleo é que se quitaran a máscara para dicir o que realmente pensan.Deste xeito moitos cidadáns saben a quen non votarán o vindeiro 9 de marzo. Que pensarían os nosos emigrantes se ao desembarcar no porto de Bos Aires tivesen que encher un formulario no que a primeira pregunta fose:¿Che,gayego te vas a portar bien ?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: