Representantes na diáspora de PPdeG, PSdeG e BNG recoñecen que se usan fondos públicos con intereses electorais.
Representantes da emigración do PP, PSdeG e BNG recoñeceron que son coñecedores do uso de fondos públicos para conseguir o voto do colectivo da diáspora e sitúan como "habitual" que en época electoral as visitas dende Galiza se fagan con "axudas" ou "cheques".
Así o admitiron en declaracións á Cadena Ser, recollidas por Europa Press, o responsábel de comunicación do BNG en Bos Aires, Gastón Quiroga; o presidente do PP en Arxentina, Avelino García Nelle, e o secretario xeral do PSOE en Uruguai, José Antonio Fernández. Non obstante, este último asegurou que co novo goberno esta situación "está a cambiar". Con todo, resolveu que o partido político que "estea libre de pecado, que tire a primeira pedra". O responsábel de comunicación do BNG en Bos Aires, Gastón Quiroga, recoñeceu que todos os partidos políticos, "sen excepción", utilizaron fondos públicos con intereses electorais. "Acontece e aconteceu dende épocas inmemoriais da diáspora", asegurou.
Por iso, ante a polémica de entrega en México dun cheque da Deputación de Pontevedra por parte do PPdeG, revelou que en "Bos Aires este tipo de cousas son correntes" e asegurou que, "en xeral", sucede con "todos os partidos". "No PP non o facemos, porque agora non gobernamos", xustificouse Avelino García Nelle, presidente do PP en Arxentina, quen denunciou que a Secretaría xeral de Emigración aproveita a campaña electoral para repartir axudas que non estaban previstas.
No entanto, recoñece que o PP non o fai tan só porque non pode, porque agora non goberna. "A Secretaría xeral de Emigración reparte unhas axudas que non corresponderían nesta época, nós non temos o goberno, e iso non o podemos facer", argumentou.
Cambios co bipartito
En todo caso, no PSOE de Uruguai, o seu secretario xeral, José Antonio Fernández, asegurou que houbo un cambio na actitude dos responsábeis autonómicos na emigración dende a chegada de Emilio Pérez Touriño á presidencia da Xunta.
"Úleme moi mal a actitude de Núñez Feijóo", reprobou Fernández con respecto á entrega do cheque en México, xa que se mostrou contrario a "mestura" do institucional con partido. Así, asegurou que o Partido Popular durante a época de Manuel Fraga "mesturaba todo, lamentablemente acontecía", queixouse.
Non obstante, insistiu en que o novo goberno está a avogar por eliminar este tipo de prácticas", aseverou. Con todo, admitiu que "o partido político que estea libre de pecado, que tire a pedra".
Voto en urna e depuración do CERA
Os representantes de PSOE, PP e Bloque na emigración coincidiron en situar o voto en urna como clave no proceso electoral na emigración, argumentando que así se conseguiría máis transparencia no proceso.
"Un dos temas é a depuración do Censo Electoral de Residentes Ausentes, o CERA, porque aínda hoxe chegan sobres á casa de xente que morreu hai tempo, regulamentar o voto en urna tamén é importante, e ter as mesmas condicións para votar", defendeu o nacionalista Gastón Quiroga.
"Ten que ser moito máis transparente", sumouse nesta liña argumental o popular Avelino García, mentres que para o socialista José Antonio Fernández, o voto en urna é un "paso importantísimo". Ademais, recordou que aparece recollido no Estatuto dos emigrantes.
En todo caso, o secretario xeral dos socialistas de Uruguai mostrouse partidario de "repensar" a participación dos emigrantes nas eleccións municipais, aínda que non en autonómicas e xerais. "É necesaria unha aclaración, hai unha sensación de enfastiamento, porque sempre se fala de manipulación, do voto emigrante, como algo estraño, cando a xente de aquí está informada do que acontece en Galiza", dixo.
Así, reprobou que ao cidadán da diáspora se lle considere "manipulábel, mesmo incapaz". A pesar diso, avogou por analizar a participación nas eleccións municipais, "pero non hai discusión nin debate nas xerais e autonómicas", advertiu.
De todos os xeitos, todos eles insistiron en que os emigrantes seguen a actualidade galega e española para defender así a súa participación nos comicios electorais. "Son nacionalista, e o feito de que Galiza é unha nación, creo que non debería estar ligado ao feito de ser galego a nacer en Galiza", esgrimiu Gastón Quiroga.
O presidente do PP arxentino, Avelino García, apuntou que se os emigrantes non votasen, os políticos esqueceríanse" deles. Por iso, advertiu de que cando se fala dunha circunscrición única, non é que estean "en contra", pero manteñen en que deben seguir votando "en todos" os procesos electorais.