A Xestión integrada do Medio Ambiente é a clave para poder erradicar a pobreza no mundo
O próximo xoves 21 de febreiro e ata o 11 de marzo Amigos da Terra viaxará a Centroamerica para dar seguimento aos proxectos de cooperación que desenvolve nos países de Nicaragua e O Salvador, ditos proxectos actúan directamente sobre un sector vulnerable como o que representan os pescadores pobres do golfo de Fonseca, e, por unha parte, desenvólvense para dotarlles dun gremio legal e con suficiente forza para incidir en decisións, a través de instrumentos de participación cidadá democráticas, asignándolles un papel determinante ás mulleres, e por outra parte, para fortalecer profesionalmente aos pescadores e marisqueiros. e lograr un manexo sostible e diversificado das áreas mariñas.
Amigos da Terra leva desde o ano 2004 desenvolvendo proxectos de cooperación en Centroamérica, os países prioritarios onde traballa son Nicaragua e O Salvador. Ditos proxectos caracterízanse por ter unha línea medioambiental clara na que somos referentes en Galicia, xa que a nosa finalidade é a busca das capacidades locais e un maior respecto ao medio ambiente. O fin último da cooperación é reverter a situación das comunidades que sofren condicións de exclusión e extrema pobreza.
Os proxectos aos que daremos seguimento son os que están ubicados na área xeográfica do Golfo de Fonseca, tanto do lado de Nicaragua coma do Salvador, os cales están enfocados na temática de "conservación e pesca artesanal"No Golfo de Fonseca existe unha problemática clara: a sobreexplotación vinculada ao manexo inadecuado dos recursos mariños , presión humana, destrución progresiva dos bosques salgados, desorganización e pouca implicación da poboación.
Para remediar esta situación Amigos da Terra platexouse nos proxectos:
1. Fortalecer as bases organizativas para promover un achegamento entre pescadores e autoridades locais co fin de sentar as bases para a organización do sector pesqueiro
2. Investigación e protección dos recursos mariños costeiros, encamiñado a dar a coñecer os valores ambientais e modificar o esquema de conduta dos habitantes.
3. Implementación dun programa para a conservación e explotación sostible, mediante a asiganción de zonas de bosques salgados, promovendo o cultivo de especies de maior valor comercial
4. Desenvolvemento de programas de vixilancia e control, operando en zonas críticas onde se encontra o hábitat de especies ameazadas.
En definitiva a lóxica da actuación de Amigos da Terra e das súas contrapartes locais CODECA e LIDER, no Salvador e Nicaragua respectivamente, é a construción da integración do Golfo de Fonseca desde a poboación máis desprotexida da rexión obxecto do noso traballo, e coa visión de ir xerando sinerxias complementarias en función da integración do Golfo de Fonseca desde a sociedade cívil.
Coa premisa de que a Xestión integrada do Medio Ambiente é a clave para poder erradicar a pobreza no mundo, Amigos da Terra seguirá enfocando o seu traballo en cooperación na liña ambiental ata conseguir que as organziacións que fan cooperación, e as administracións que financian ditos proxectos, entendan que non podemos combatir a pobreza sen ter unha visión integral e plural do desenvolvemento.