Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Quítanlle importancia á decisión

A Xunta confía en que se probará "a pulcritude" coa autovía do Barbanza

O PPdeG considera que a admisión a trámite da querela cuestiona o "talante democrático" da Xunta.

Redacción / Europa Press - 09:00 19/02/2008

"A Xustiza certificará a corrección, rigor e transparencia da adxudicación das obras da autovía do Barbanza", aseguraban na tarde deste luns desde a Consellaría de Política Territorial. Nun comunicado enviado aos medios de comunicación despois de coñecerse que o xulgado admitía a trámite a denuncia do PPdeG, o Goberno destacou que o informe elaborado pola Asesoría Xurídica da Xunta ratificou no seu momento "a procedencia e pulcritude" do proceso agora posto en cuestión.

Desde Política Territorial consideran que se trata dunha iniciativa que o PPdeG impulsa agora "con fins electorais e partidistas", recordando que as obras foron adxudicadas hai dous anos, en febreiro de 2006. Opinan desde o executivo que é "normal" que a Xustiza admita a trámite este tipo de querelas, pero subliñando que iso "unicamente supón a instrución de dilixencias previas co fin de determinar se existe ou non verosimilitude dos feitos denunciados".

O PPdeG recorda que PSdeG e BNG negaron unha comisión de investigación
O voceiro do PPdeG no Parlamento de Galicia, Manuel Ruiz Rivas, celebrou hoxe que a xustiza decidise investigar a adxudicación da autovía do Barbanza, algo que, na súa opinión, cuestiona o "talante democrático" dos grupos que sustentan o bipartito, xa que tanto socialistas como nacionalistas rexeitaron ata en dúas ocasións a creación dunha comisión de investigación sobre este tema.

"Agora correspóndelle á xustiza seguir investigando o que o Goberno se negou a aclararlle a toda Galiza", aseverou Ruiz en referencia á decisión do xuíz encargado do caso, que admite así a trámite a querela presentada polo PPdeG a principios do mes de febreiro por presunta prevaricación na adxudicación das obras de desdobramento da Vía do Barbanza.

Tras a reunión do Grupo Parlamentario Popular, Ruiz Rivas mostrou o seu respecto por esta decisión xudicial e insistiu en que este asunto se "debería investigar no Parlamento", algo que, segundo subliñou, impediu o "labor obstrucionista e de ocultación" de PSdeG e BNG. O dirixente popular espera que a investigación xudicial sirva para "aclarar" o "desvío" de 30 millóns de euros que detectan os populares na concesión das obras a Sacyr, fronte á proposta da Unión Temporal de Empresas encabezada pola construtora San José.

Críticas de socialistas e lembranza da presunción de inocencia de nacionalistas
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, Ismael Rego, considerou este luns que "entra dentro da normalidade" que o xuíz admitise a trámite e abrise dilixencias previas sobre a querela presentada polo PPdeG, aínda que cualificou o presidente dos populares, Alberto Núñez Feijoo, "como un auténtico picapleitos".

Rego mostrouse convencido de que a actuación xudicial constatará "a impecábel actuación do Goberno" na adxudicación e "porá ao descuberto" a irresponsabilidade do PP por "xudicializar a vida política" do país. "Feijoo quedará marcado como un pequeno avogado das silveiras para o seu futuro como responsábel político", insistiu. "Ten escasos precedentes que un partido político presente unha querela contra funcionarios pola adxudicación dunha grande obra", laiouse.

Pola súa banda, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, expresou o seu "máximo respecto" para a decisión do xulgado, pero recordou que o proceso se atopa nunha "fase moi preliminar". Neste sentido, sinalou que o dereito á presunción de inocencia está vixente cos imputados. Ademais, manifestou a súa "plena confianza" en que a Xustiza esclareza o que aconteceu na adxudicación desta vía.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: