Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os veciños denunciárono ao Seprona

Seguen matando as bestas de Sabucedo

Xa apareceron oito cabalos mortos, acoitelados varias veces, e tres desapareceron. Hai cinco anos mataran varias reses, mais naquela altura, a disparos.

Redacción - 19:40 19/02/2008
Os cabalos na rapa / Flickr: almaciga

Os cabalos na rapa / Flickr: almaciga

Os membros da asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo levan varios días percorrendo o monte, en Campo Lameiro (Pontevedra), na procura das tres reses desaparecidas, após saberse da morte doutras oito, que foron acoiteladas varias veces no monte.

Polo momento a investigación está aberta, en mans do Seprona, pero os membros da asociación sospeitan de que o feito é froito da vinganza dalgúns veciños, a cuxas terras baixaron a comer os cabalos, posto que o monte está moi seco, sen apenas pasto para os animais.

Xa en 2003 apareceran algunhas reses da asociación mortas por causa de varios disparos. Os feitos repetíronse cinco anos despois.

"Colleron pola vía do medio, e a coitelada limpa"
En Vieiros falamos con Xosé Touriño, membro da asociación, que considera que estas mortes son "máis do mesmo" (referíndose aos sucesos de hai cinco anos), "pero en este caso están usando coitelos para non facer ruído".

Para Touriño a problemática "é a de sempre", posto que os animais, ao non ter que comer: "debido a esta seca e a que o monte non bota, unido aos incendios do ano pasado, nos que mesmo morreron moitos cabalos", acostuman baixar ás fincas dos veciños a procurar comida.

Ademais, segundo Xosé Touriño, "é probábel que algún veciño soltase tamén algún cabalo medio manso, que guíe aos outros" na baixada cara as fincas dos particulares.

En canto ao número de animais mortos que poida haber, Touriño dixo que non é posíbel precisar posto "que é unha zona bastante ampla e chea de eucaliptos. Seguramente non imos conseguir dar co número final", aseverou.

"É absolutamente brutal"

Algúns dos animais mortos foron atopados con máis de dez coiteladas. Touriño considera que isto é obra de alguén que "está mal" e que está facendo responsábeis directamente "a uns animais salvaxes" do estrago nas súas fincas: "matáronos a coiteladas, de tal xeito que os animais poden non morrer no momento, e sufrir desangrados. Ademais, matando con coitelo tes que te achegar ás bestas... ou empregar un sistema cunha vara na que colocar o coitelo... é algo absolutamente brutal".

Se os animais baixan comer a unha finca dun particular, fóra dos montes comunais, "o normal é que nos chamen", dixo Xosé Touriño, "cando os atopan pacendo nas súas fincas, préndenos e adoitan avisarnos. Daquela imos alí comprobar os danos, e se consideramos xusto o prezo destes, pagámosllo ao particular". Mais desta volta ninguén os avisou, senón que, segundo Touriño, tomaron a xustiza pola man. "Pensan que son os animais os que van facer dano, pero sempre houbo bestas no monte, eu sempre as recordo. Levan toda a vida aí. Ninguén está libre para contar o tempo que levan" e lembrou que mesmo pacen nas matogueiras, mantendo limpo o monte.


4,82/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Outro momento da rapa / Flickr: jpereira_net
Outro momento da rapa / Flickr: jpereira_net
Os cabalos no curro / Flickr: xaimex
Os cabalos no curro / Flickr: xaimex
Pacendo polo medio dos eucaliptos, desta volta, en Mougás / Flickr: freecat
Pacendo polo medio dos eucaliptos, desta volta, en Mougás / Flickr: freecat
Cabalos no monte / Flickr: Paraiso perdido
Cabalos no monte / Flickr: Paraiso perdido