Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ana Lois, funcionaria do Concello de Dozón

"Estou derrotada; vin onte ao meu acosador no xulgado e hoxe teño que volvelo ver no concello"

Acosada polo alcalde, Adolfo Campos, dende 1999 -con máis de 30 sentenzas firmes ao seu favor- volveu a xuízo este martes, desta volta pola vía do penal.

F.A. - 11:52 20/02/2008
Adolfo Campos pediu entrar pola porta de atrás, mais a xuíza denegoullo

Adolfo Campos pediu entrar pola porta de atrás, mais a xuíza denegoullo

Este martes tivo lugar un novo xuízo por acoso laboral contra Adolfo Campos Panadero, alcalde popular do Concello de Dozón, denunciado pola funcionaria Ana Lois Navaza. Numerosos veciños e membros da dirección sindical da CIG achegáronse até o xulgado número tres do Penal de Pontevedra para apoiala.

Non é a primeira vez que Campos é xulgado e condenado por este delito. Máis de trinta sentenzas firmes favorábeis á demandante estiman que o alcalde de Dozón acosou sistematicamente a Lois dende 1999 con continuas modificacións nas súas condicións de traballo. Desta volta, o xuízo foi pola vía do penal.

Actualmente, Ana Lois está destinada nun almacén das dependencias municipais -que incumpre a normativa en saúde laboral-, sen calefacción nin electricidade, e sen labor ningún encomendado. Malia ser condenado a pagar 6.000 euros e, evidentemente, a cumprir a lei, Adolfo Campos segue sen modificar as condicións laborais da funcionaria e, xa que logo, -presuntamente- a delinquir.

A Fiscalía pide a libre absolución, e Campos fala de "xuízo político"

Porén, no xuízo deste martes, o fiscal pediu a libre absolución do acusado por considerar que "a esfera penal queda grande para reparar este ataque, que non é o suficientemente intenso", ou considerar que non constitúe delito penal por "non haber unha clara intencionalidade do alcalde".

O avogado defensor de Adolfo Campos, no seu alegato final, cualificou o xuízo de "querela instrumental á catalá, que busca a chantaxe e o desprestixio". O propio acusado acolleuse ao seu dereito de non declarar por considerar que estaba diante dun "xuízo político".

Pola súa banda, o avogado de Lois, Carlos Davila, solicitou o amparo da xuíz, xa que existen numerosas sentenzas firmes que certifican que a día de hoxe non se modificou a situación laboral da querelante. Diante destes "feitos claros e constatados", solicitou a que Campos fose declarado culpábel dun delito de prevaricación xa que "tomou decisións arbitrarias que non respectan a legalidade e que constitúen un delito continuado no tempo" de 232.820 euros..

"Sen forzas"

Ana Lois preferiu non facer declaracións polo momento, despois de revivir diante da xuíz durante case 90 minutos o seu 'calvario' dende que concorrera ás eleccións municipais na candidatura do BNG e posteriormente se presentara na candidatura da CIG, pola que saíu electa como representante sindical.

"Estou derrotada; onte estiven co meu acosador no xulgado e hoxe teño que volvelo ver no concello", afirma. "Non teño forzas para falar máis nada, teño o corpo como se estivese a desbrozar todo o día no monte", confesa Ana Lois.

No xuízo deste martes declararon tamén o daquelas responsábel comarcal da CIG-Administración, Henrique Outeiral, unha traballadora social e funcionaria do concello, veciños de Dozón, unha persoa da asesoría fiscal, e tres peritos psiquiátricos. Todos eles ratificaron as palabras de Ana Lois. O caso está visto para sentenza.


4,9/5 (10 votos)

Comentarios (5)

Tino #1 20/Febreiro/2008 Tino

Ánimo Ana, a este si q lle habia de mandar o mantón do alcalde de Lalín para q lle chimpara os dentes e lle fixera as lindezas das q gusta esa camorra.

Sabrexo #2 20/Febreiro/2008 Sabrexo

Alcaldes promotores, acosadores, o de Lalín... Isto é o que ten que ofrecer o PP a Galiza?

maleiro #3 20/Febreiro/2008 maleiro

Estou contigo, Ana!
Non debes sentirte mal por tratar con xente así.
En Dozón tendes ao matón (o das pintadas de fai anos) e, en Lalín temos ao "Escachatazas".
Xentuza.
Na miañ cabeza non deixa de dar voltas aquel dito: Cada pobo tén os gobernantes que se merece. Ninguén merece iste par.

mare #4 20/Febreiro/2008 mare

Ana, moita forza, estamos contigo.
Individuos coma estes, sen escrúpulos, só merecen unha cousa penas de cadea.
Por que non se pide por parte dos politicos que caia o peso da lei sobre un "tipo" coma este?
Non son suficientes 30 sentenzas favorabeis para que a fiscalia tome medidas? Que máis precisamos as traballadoras e traballadores deste país, que nos batan co latego?
É cuestión de xustiza.
Ana, vales infinitamente mais que ese monte de merda, non permitas que te desmoralice. Forza e adiante!

ecoe #5 21/Febreiro/2008 ecoe

Dise por ahí que seica ó ghicho ese ainda o están a esperar en Venezuela, onde fixo moitas das suas cando estivo alí.

Será custión pois de o mandar para alá de polizonte ou!?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: