Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COLABORACIÓN

Crónica dende Palestina

O profesor Moncho Iglesias relataba as primeiras horas da traxedia dende Palestina.

Redacción - 10:43 02/03/2008

Este sábado foi un dos peores días dos últimos anos para a franxa de Gaza. O profesor Moncho Iglesias oferecíanos daquela esta primeira crónica de urxencia, as horas foron aumentando as frías estatística de vítimas e as operacións israelís proseguen este domingo.

Crónica de Moncho Iglesias

O exército israelí volveu entrar no Norte de Gaza, o sábado pola mañá, provocando a morte de 32 palestinos e ferindo a máis de 100. Nunha semana atestada de vítimas –máis de 60 en apenas dous días- o intercambio de lume e a guerra aberta, como declarou o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, son a realidade silenciosa de Terra Santa.

A xente de Gaza está preocupada ante a situación insostible. Os feridos, que enchen os hospitais, non chegan vivos moitas veces. E é que, ás necesidades mínimas, hai que sumar a escaseza de combustible. As ambulancias non teñen xeito de se mover e moitos dos feridos son atendidos nas rúas. E isto tamén sucede en Cisxordania, zona esquecida polos medios de comunicación. En Belén, por exemplo, non hai gasolina dende hai máis dunha semana. Os palestinos que poden saír da cidade amurallada teñen que viaxar ata o sur para repostar, o que significa ter que volver case sen gasolina no tanque, debido á distancia.

Malia carencia de servizos e de axuda, a poboación de Gaza, por medio dos seus dirixentes, vén de manifestar que non se deixarán vencer: “Responderemos a calquera agresión, con calquera medio que teñamos dispoñible”. E é que ante a caída de mísiles israelís, os palestinos están a responder con foguetes que, maiormente, están a caer na cidade fronteiriza de Sderot, onde o pasado mércores morreu un cidadán, feito que provocou o enfado israelí e o consecuente ataque.

No que vai de ano, as estatísticas amosan que cada día morren máis de dúas persoas en Palestina, debido a ataques israelís. Un 45% deles son civís, fronte ao 2% de mortos por parte de Israel. No caso palestino, no mes de xaneiro, o número de mortos foi de 95 –sete nenos entre eles-; amais, houbo 364 feridos -31 nenos entre eles-, 532 detidos, 755 incursións militares, 14 demolicións de casas, 28 toques de queda; aparte de cifras menores de violencia de colonos, construcións ilegais, puntos de control militar entre núcleos poboacionais ou obstrucións médicas.

As cifras son unha resposta a unha pregunta dunha xornalista de La Vanguardia, a raíz da nova escalada de violencia na zona. Dita persoa, interesada por saber da situación do lugar, para informar sobre a vida dos palestinos nestes días nos que a carencia de chuvia que importa a uns, aquí é unha abundancia en forma de mísiles, preguntou o seguinte: “Como vive a poboación palestina o debate entre Rajoy e Zapatero?” Unha pregunta que se pode sumar a esas cuestións de Nadal, do estilo: “Como pasa un palestino o Nadal?” (pregunta feita a un musulmán).


4,63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: