Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dúas décimas por riba da media estatal

O PIB galego medrou un 4% o ano pasado

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a construción foi o sector cun mellor comportamento, ao avanzar un 4,3%, sen dar signos de desaceleración.

Redacción - 17:45 03/03/2008
O PIB do sector da construción medrou un 4,3% en 2007

O PIB do sector da construción medrou un 4,3% en 2007

O Instituto Galego de Estatística (IGE) confirmou esta segunda feira que o Produto Interior Bruto (PIB) galego medrou un 4 por cento en 2007, dúas décimas máis que a media estatal, a pesares de que no cuarto trimestre o incremento foi só do 3,8 por cento, tres décimas menos que no trimestre anterior.

Estas cifras ratifican o indicador adiantado, que o IGE fixera público o mes pasado, e conclúen que a construción foi o sector cun mellor comportamento, posto que o PIB producido por el medrou un 4,3%, unha décima máis que no ano anterior, polo que semella que esta actividade non ten sufrido aínda unha desaceleración no noso país.

Comportamento do PIB por sectores

Da outra banda está o sector industrial, que si experimentou un peor comportamento o ano pasado, ao avanzar só un 4 por cento, fronte ao 4,7 do 2006. Tamén as actividades vinculadas á enerxía estiveron un chisco estancadas en 2007, pois o seu PIB só avanzou un 1,5 por cento, moi lonxe do 3,6 por cento que tiña medrado un ano antes. No último trimestre este sector tamén experimentou unha importante freada, pois só medrou un 0,9 por cento, fronte ao 2,7 por cento que tiña medrado os últimos tres meses de 2006.

En canto ao sector servizos, pechou o ano 2007 cun comportamento forte. O ano pasado medraron un 4,5% os servizos de mercado (transporte, turismo, servizos financeiros...), e un 4,3% os de non mercado (outros servizos).

Polo seu lado, a agricultura e máis a pesca, aínda que só aumentaron o seu PIB un 2,3 por cento, case a metade que a media, houbo síntomas de mellora, posto que creceu catro décimas máis do que en 2006. Tras comezar 2007 cun incremento do 0,7 por cento, este sector terminou o ano cunha taxa do 2,6 por cento.

A evolución do emprego por sectores
Por outra parte, o IGE tamén informou, nada mais comezar a semana, dos datos para o emprego en Galiza o ano pasado. Segundo as cifras que manexan, os postos de traballo a tempo completo chegaron en 2007 a 1.163.828, cando en 1995 eran 937.197.

Nos últimos 12 anos a meirande caída dos empregos (máis da metade) produciuse na agricultura e na pesca, ao pasaren de 206.842 a 99.146. Tamén caeu o número de postos de traballo no sector enerxético (de 11.894 a 10.358).

Pola contra, o da construción foi dos sectores que mellor evolución experimentou, pasando de 96.964 a 158.310. Tamén medraron os empregos no sector industrial (de 124.904 a 169.229), no de servizos de mercado (de 312.672 a 505.645) e nos de non mercado (de 183.921 a 221.139).


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: