Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
CAIXAFORUM: PRÍNCIPES ETRUSCOS

Sorriso etrusco ou imaxe dos vencidos? Oasis feminino e oriental

A historia xoga malas pasadas a culturas e pobos. Que aconteceres andariamos estudando dos etruscos se non tivesen como incómodos veciños os romanos?

Lito Caramés - 18:00 05/03/2008

En Caixaforum de Barcelona vén de abrirse ao público a exposición Prínceps etruscos, entre orient i occident, unha mostra de 170 pezas moi diversas para presentar a face dun pobo do que pouco se soubo até agora. As pezas proveñen de museos italianos moi coñecidos e todo baixo as ordes da comisaria Anna Mura Sommella, ex directora dos Museos Capitolinos de Roma. As tumbas que se levan escavadas van alumando o pasado desde as súas estruturas circulares.

Para abundar no misterio (ou na actual ignorancia) que de Etruria se ten, dáse o fado que a obra Tyrrhenika -a monumental historia de Etruria en 20 volumes, que o emperador romano Claudio (casado cunha etrusca) escribiu- considérase definitivamente desaparecida. O mesmo que a literatura destas xentes que habitaron a fermosa Toscana hai máis de dous mil anos. Vencidos na cadea do silencio.

Oasis feminino?

A orixinalidade da vida e da obra de quen habitou entre o Arno e o Tíber está ben representada nas salas de Caixaforum. Por unha parte, abundan as urnas cinerarias, relativamente pequenas pero coa característica representación do defunto incinerado na tapa. E logo pódense ver os sartegos, grandes, co triclinio no que se nos aparece a persoa, ou persoas enterradas. Posiblemente a peza máis grande e rechamante sexa o sartego de Larthia Seianti, unha muller etrusca da boa sociedade.

Era coñecido, polos testemuños escritos de gregos e romanos, o prestixio social que as mulleres gozaban na sociedade etrusca. Moitas veces (non podía ser doutro xeito) eses relatos feitos por outros (estranxeiros masculinos) critican e ironizan sobre tales usos e costumes. As mulleres asistían ao Symposio, banquete para libar viño de xeito ritual, onde bebían e se mostraban sen prexuízos nin especial recato. Os gregos estaban escandalizados e insistían neses aspectos libertinos da muller etrusca: que se comían con calquera, que se bebían coma os homes, que se bailaban espidas... Non debe sorprender que os promotores e defensores dos réximes escravistas e patriarcais condenaran tales condutas, aínda que só fose para que o seu exemplo non prendese polas beiras mediterráneas como mala peste, que aquilo co que ironizaba Aristófanes n'A Asemblea das Mulleres non acabase sendo certo.

Pero seica era certo. As mulleres da alta sociedade etrusca (das que até agora se teñen noticias xa polos enterramentos, xa por referencias escritas) case tiñan a paridade social cos homes. Elas eran propietarias, podían manter o seu apelido despois de casadas. Condicións inusitadas de hai 2.500 anos. Non é de estrañar que os patricios veciños quixesen evitar contaxios tan perigosos.

Na exposición hai mostras da posición social da dona etrusca. A máis sobranceira de todas é o sarcófago da Larthia Seianti. Desde o triclinio, no que en vida compartía o symposio cos homes, mira para nós entre satisfeita, cómoda e galante, sorprendida no xesto de arranxar o velo para dar aínda unha mellor imaxe de si mesma.

Orientalidade

Vendo moitas das pezas (esculturas, ourivería, cerámica, etc.) adivíñase un aire do Mediterráneo oriental. E tamén arcaico: influenzas da sociedade grega dos s. VI e VII. A estética do kouros e mais da koré está presente na frontalidade que exhibe a ríxida estatuaria, tal é o caso do guerreiro con calzón curto. Os restos da escrita dos etruscos que está sendo descifrada e traducida, atópase en alfabeto Calcídico, grego. As colonias gregas do sur de Italia e mais de Sicilia demostran a súa presenza.

Respecto de gustos e preferencias artísticas, é preciso salientar a simetría das composicións. Sempre que poden, en ouro, en prata, nos sartegos, en útiles, apostan por unha decoración na que abundan os animais afrontados; eses leóns rampantes mirando un para o outro, o mesmo animal diante do espello. En moitos dos casos tal ornamentación ten un carácter relixioso, e así a estética etrusca segue unha fonda liña que pasa por Exipto, por Micenas e seguimos vendo nos capiteis e nas pinturas da arte románica.

No medio dunha das salas de Caixaforum é grato ver a reprodución do templo etrusco, reprodución feita por arqueólogos da Universitá de la Sapienza, Roma. O templo parécese aos gregos, pero é diferente. Descansa sobre un pódium, aposta polo uso dun amplo pronaos e mais por illar a naos (cella) onde mora o deus. Os templos etruscos terán a súa continuidade nos que edifican os romanos, que saben sintetizar as influenzas de Grecia e mais de Etruria nun só edificio.

EXPOSICIÓN: Prínceps etruscos, entre orient i occident

CAIXAFORUM, Marqués de Comillas, 6 (Montjuïc)
Aberto todos os días, de 10 a 20 horas

Entrada de balde.

Até o 4 de maio.


2.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pente. S. VII a.C. Marfil tallado e gravado.
Pente. S. VII a.C. Marfil tallado e gravado.
Fibela. S. VII a.C. Ouro, filigrana e granulación.
Fibela. S. VII a.C. Ouro, filigrana e granulación.
Sartego de Larthia Seianti. S. II a.C. Terracota policromada.
Sartego de Larthia Seianti. S. II a.C. Terracota policromada.