Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
A tres días das urnas

A nena de Feijoo, as meigas e as traizóns

"Hai que cambiar de adestrador", propón Feijoo. "Non se pode pasar de Galiza nin do Galego", di Touriño. "Que ningún galeguista quede na casa o domingo", pide Quintana.

Redacción - 09:00 06/03/2008
Tags:

"Seguramente sexa galega", dixo o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, sobre a "nena" á que Mariano Rajoy fixo alusións en citas televisivas e mitins. Núñez Feijoo asegurou que en 18 anos de gobernos do PSOE no Estado, Galiza saíu "líder nas pensións e os salarios máis baixos" e "con menos quilómetros de AVE e en maiores prezos da vivenda". "Todo isto díxomo a nena de Rajoy", chanceou.

Durante o mitin do PP na Coruña este mércores, Feijoo rexeitou que o Estado español estea "na champions league", en referencia ás palabras ao respecto do presidente do executivo español, José Luis Rodríguez Zapatero e, tirando de similar comparativa futbolística, afirmou que foi "eliminado en primeira volta" polo que recomenda Feijoo, "hai que cambiar de adestrador".

No mesmo acto electoral, participou a presidenta do PP madrileño, Esperanza Aguirre, quen afirmou que malia o que din as últimas enquisas, o seu partido superará en votos o PSOE "igual que fixo nas municipais". "Non podemos tolerar que un asasino de 25 persoas pasee por San Sebastián despois de darse unha ducha coa noiva nun hospital penitenciario; que os socialistas asinen un pacto con Esquerra Republicana de Cataluña polo que se comprometen a non chegar nunca a un pacto co PP, o máis antidemocrático e sectario da democracia española; que Zapatero chame a Otegui home de paz; que dea a consideración de interlocutor político a ETA; e que mentira sistematicamente", repasou Aguirre.

A"nena Esperanza" estaba "radiante" tras o debate á espera do "naufraxio" de Rajoy
Precisamente, a presenza en Galiza de Aguirre deulle argumento ao secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, no seu mitin deste mércores en Vigo. Comentou Pérez Touriño recordando os debates electorais entre Mariano Rajoy e José Luís Rodríguez Zapatero, que "xa se sabe quen é a nena de Rajoy", identificándoa na "nena Esperanza, que está a esperar polo naufraxio" do candidato do PP á presidencia do goberno español, ironizando sobre as aspiracións da presidenta madrileña para relevar a Rajoy á fronte do PP.

Na súa intervención, Touriño pediulle especialmente á mocidade e ás mulleres que acudan a votar o domingo próximo, recordando que o PP recoñeceu que conta "coa abstención" para amarrar unha vitoria ese día. Touriño expresou a súa convicción de que para acceder á Moncloa "non se pode pasar de Galiza nin do galego". "Os galegos queren que se ame e se respecte a súa lingua", dixo. Así, na opinión de Touriño, "Rajoy ten de galego o mínimo imprescindíbel".

De paso, o líder dos socialistas galegos tamén se referiu á promesa realizada por Rajoy de convocar un consello de ministros en Vigo, ao xeito do que se convocara na Coruña en tempo do Prestige. Ironizando ao respecto do papel de Rajoy daquela, Touriño deixou caer un "meigas fóra, non vaia ser que teñamos outro Prestige".


Quintana prognositca que o domingo Rajoy quedará "inhabilitado" para gobernar
"Rajoy ten unha auténtica obsesión con Galiza, os galegos e o nacionalismo", queixouse o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, durante o mitin deste mércores en Pontevedra. Quintana pediu o voto "en resposta a esta actitude. "Non hai nada que lle poida fastidiar máis ao líder do PP que que haxa unha forza nacionalista galega con forza decisiva en Madrid", asegurou.

"Se o PP quere trasladar guerras absurdas, problemas que non existen, como o problema lingüístico, se fan iso e lle faltan ao respeito aos galegos e galegas asi é porque pensan que, a cambio, poden conseguir votos en Andalucía, Estremadura ou Albacete", reprochoulle Quintana á estratexia en campaña de Rajoy. O líder dos nacionalistas afirmou que as palabras dos candidatos do PP "evidencian que Galiza non é importante para eles". Ao respecto, laiouse de que cando Rajoy debateu con Zapatero "falaron do AVE a Barcelona, de Andalucía ou do Levante, pero non do noso país".

Ao fío, Quintana expresou que "non hai ningunha razón para que ningún galeguista nin ningún nacionalista quede na casa o domingo". Dando por feito que o PP non será a forza máis votada no Estado o próximo domingo, subliñou que "o único obxectivo progresista é apoiar ao BNG".


0/5 (0 votos)


Comentarios (8)

piorno #1 6/Marzo/2008 piorno

Pois si. Muitos vamos ficar em casa domingo, ou melhor, iremos dar umha volta polo monte ou pola praia.

Nos nos atrai um BNG cujo líder é incapaz de falar duas frases seguidas em galego com umha mínima correcçom, parecendo mesmo, com essa atitude, que despreza o nosso idioma.

Nom nos atrai um BNG que, perante a agressom sofrida polos manifestantes no acto da Maria San Gil, é incapaz de se desmarcar do PP e alinha na MENTIRA de considerar esses estudantes como agressores. E que é incapaz de denunciar a manipulaçom informativa dos meios.

Nom nos atrai um BNG que, diante dos contínuos ataques sofridos pola língua nesta campanha, fica calado como um peto, como se a língua nom tivesse nengumha importância. Cujo líder nom vê como um problema a marginalizaçom que sofremos todos os dias polo simples facto de falarmos o nosso idioma, o galego.

Nom nos atrai um BNG com representantes medíocres e que nem sequer sabem falar o galego.

Nom nos atrai um BNG que renunciou ao direito democrático de autodeterminaçom, que nom é outra cousa que o direito a decidirmos sobre o nosso futuro.

Nom nos atrai um BNG com um discurso quase vazio.

Por tudo isso, e porque nom se vê alternativa neste momento, nom iremos às urnas este domingo.

spider #2 6/Marzo/2008 spider

Pois se non che gusta o BNG, non o votes, pero vota... hai outros partidos... e se non che gusta ningún hai un voto que basicamente manifesta descontento: o voto en branco. Pero se definitivamente non vas votar, non te queixes despois.

bcngz #3 6/Marzo/2008 bcngz

Non se pode votar a un candidato en función de se o seu galego é máis correcto ou non. Como di miña nai: cada galego con cadanseu galego. O importante é usalo.

LOIS_DE_SILAN #4 6/Marzo/2008 LOIS_DE_SILAN

"... problemas que non existen, como o problema lingüístico".

Non só é un problema que si existe, senón que é un dos problemas máis importantes cos que se enfronta A Galiza!

Évos unha grande desgraza que o cabeceiro do BNG sexa tan ignorante e imprudente! Por moito que se negue a realidade non desaparece!

Por outra banda, verbo do uso correcto ou non do galego por parte dos políticos, seguen tendo razón nosas nais cando dicían e din que NINGUÉN NACE APRENDIDO.

foradexogo #5 6/Marzo/2008 foradexogo

Grande mentira a do sR. Quin dicindo que ningún nacionalista galego ten motivos para non ir votar esa sigla o domingo: velaí a deriva autonomista e en moitos casos claramente "pancista" da organización, que deixou arrombada a reivindicación autodeterminista e que pon máis énfase en dicir a toda voz que o BNG non é independentista que en defender a lexitimidade desa ou doutras opcións cuestionadoras do estatu quo e plenamente democráticas; velaí a actitude en temas como Reganosa e O Courel, os escándalos da Cidade disque da Cultura, esa teima en querer pasar por "integrado" aplaudindo o primeiriño a redada-espectáculo contra un comunista parapléxico, gabando o "por que no te callas" bourbónico ou manifestando felicidade por constatar que os seus filliños comezan xa a padecer os efeitos do proceso asimilacionista e diglósico que sofre o noso idioma.

O triste é que nin Nós-UP nin FPG estean á altura do momento que vive o nacionalismo e que non dean sequer presentando candidaturas para recoller dignidade e descontento, que os hai a mancheas en moitos sectores e pór así bases cara vindeiros tempos.

BonKarallan #6 6/Marzo/2008 BonKarallan

http://es.youtube.com/watch?v=...

a nena de Rajoy

Cambados #7 7/Marzo/2008 Cambados

Para Piorno #1

Non creo que fales en serio cando dis o que dis. Eu escribo un galego que é reflexo do galego que falo. Por certo, meus pais e os meus avós, tamén o falan igual. Utilizar o teu galego como elemento discriminador só beneficia aos que queren que morra o noso idioma.

Na difícil situación na que se atopa a nosa lingua, os galegofalantes debemos unirnos. Que o BNG non che guste podo comprendelo, pero darasme a razón que hoxe por hoxe é a única formación política con certo poder, totalmente comprometida co idioma. As outras opcións son as de Galicia Pilingui e Paco de la Curuña.

breogain #8 7/Marzo/2008 breogain

hoxe por hoxe o B.N.G. é a única forza galega e cen por cen galega que pode deferder os intereses dos galegos e galegas en Madrid, abonda xa de que nos tomen o pelo dia tras dia e ano tras ano, de que o galego sexa o desprezado, humillado e arrinconado neste Estado que din é tolerante e integrador, até o de agora somentes se respectou aos cataláns e aos bascos, porqué? porque teñen unha forza determinante no Congreso dos deputados, nos estivemos a piques de ter grupo parlamentario própio, agora é o momento de acadalo dunha vez por todas, eu podo estar en desacordo nalgúns aspectos do programa do bloque, pero o que non vou facer é ficar na casa o domingo, o bloque defende o noso idioma, a nosa cultura e quere ser a nosa voz, a voz de galegos e galegas, e para min son razóns de peso.

saúdos

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: