Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
En final de campaña

A incógnita da abstención, patriotas de cartón e a liga das nacións

"As eleccións non están gañadas nin decididas", avisa Touriño. "Zapatero vainos deixar endebedados ata as cellas", agoira Feijoo. "O partido ZP-Rajoy está resolto", asegura Quintana.

Redacción - 09:00 07/03/2008
Tags:

"O 9-M hai que decidir, esa é a grandeza da democracia, elexir entre Zapatero e Rajoy; e os que queren que gañe Zapatero, a votar a Zapatero", expuxo o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, no mitin de Ferrol este xoves.

O líder dos socialistas solicitoulle o voto aos ferroláns e pediu elixir "entre a guerra de Iraq ou o Presidente da alianza das civilizacións, podernos casar libremente ou que os bispos nos diten cal é a moral que temos que seguir, un país con creatividade ou onde se mete no cárcere aos médicos que apliquen cuidados paliativos ás persoas cunha enfermidade terminal, un país onde mulleres e homes sexan iguales ou o país de Ana Botella e da muller dez no Opus Dei".
De paso, e facendo contas cara ao 9 de marzo, Pérez Touriño considerou que a comarca ferrolá é "decisiva" para que o cuarto deputado na lista do PSOE pola provincia da Coruña quede amarrado para os socialistas "e estea Xavier Carro no Congreso", en referencia a quen foi deputado na última lexislatura e aspira a repetir os próximos catro anos. "As eleccións non están gañadas e non están decididas", advertiu de seguido o socialista, "é verdade que gañamos os debates e as enquisas, pero o único debate e a única enquisa que conta é a urna o 9-M".

Feijoo reivindica o "galeguismo" para o PPdeG
"Os galeguistas están aquí", dixo o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, durante a súa intervención no acto electoral do seu partido en Ourense. Feijoo respondía así á interpelación do voceiro nacional do BNG aos electores o día anterior, na que este chamara aos galeguistas a "ir votar". Ao fío, Feijoo cargou contra Quintana cualificándoo de "parvo útil do PSOE" reprochándolle que dese por feita a vitoria do PSOE a nivel estatal. "Este domingo a nena de Rajoy chamarase vitoria", comentou Feijoo.

"Cun sorriso non se baixa o paro, e cunha foto electoral non soben os salarios", afirmou Núñez Feijoo cando fixo referencia ás últimas estatística sobre desemprego publicadas, "con ir de coleguilla non se arranxa que mil mozos marchen de Galiza cada ano", dixo. Na súa opinión, esas circunstancias evitaríanse coa "planificación e coherencia do PP". "Galiza ten dous problemas", debullou Feijoo, "está a quedar no paro mentres na Xunta non traballa ninguén".

Por outro lado, no mitin participou tamén o presidente do PP na provincia ourensá, Xosé Luís Baltar, quen pediu "un último esforzo" para demostrar que "socialistas e nacionalistas están a ocupar un sitio que non lles corresponde". "Están a usurpar o lugar dos gañadores", dixo Baltar. "Éncheselles a boca falando de Galicia ata que entran no coche oficial; a partir de aí, xa non vale nin un duro", comentou ao respecto do BNG, definindo aos nacionalistas galegos de "patriotas de cartón".

Exemplo eólico e liga das nacións
"Cando se fala de política territorial, a Galiza nin a mencionan se non está presente o BNG", subliñou o voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, durante o acto electoral deste xoves na Coruña. Quintana indicou que toda vez que, na súa opinión, "o partido entre ZP e Rajoy xa está resolto" en favor do PSOE, o que queda por decidir nestas eleccións xerais é se "Galiza participará na Champions, na liga das nacións" xunto a Cataluña e Euskadi.

Nese contexto, Quintana insistiu en advertir que tanto PSOE como PP demostraron xa a súa "tendencia a obviar" Galiza e conseguir que "lles saia barata" no conxunto do Estado cando se trata de estabelecer os investimentos. Nesa liña, Quintana solicitou que "o amor pola terra" se exemplifique en forma de votos ao BNG.

Por outro lado, Quintana referiuse ao tirapuxa do Goberno con empresas do sector eólico ao fío do decreto que regulamente a produción. O voceiro nacional do Bloque criticou os "nostálxicos" que cren que "o sistema funciona coma antes". "Xa está ben de que nós xeremos enerxía e sexan outros os que se benefician", afirmou, salientando que o cambio neste ámbito estase realizando "da man do empresariado galego" e con "democracia, transparencia e igualdade de oportunidades". "Se o BNG é decisivo non van seguir espoliando os nosos recursos naturais", asegurou.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: