Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
ALEGRÍA NA SEDE DO BNG

Quintana: "Tivemos un bo resultado nunha campaña difícil, preparada para dous partidos"

O Bloque asegura que vai ser "decisivo" nos vindeiros catro anos, e ofrece o seu apoio a Zapatero, ao que lle esixirán unha serie de compromisos con Galiza.

Redacción - 20:30 09/03/2008
Tags:

O BNG foi pasando, ao longo da noite, do nerviosismo, o alivio, até a alegría indisimulada, a medida que se confirmaba que mantiña os seus dous deputados no Congreso. O discurso de Quintana, ao redor das once da noite, incidiu no carácter decisivo do Bloque na lexislatura que comeza, nun "escenario favorábel", de novo sen maiorías absolutas: "O BNG vai ser decisivo moitas veces nos vindeiros catro anos, e cada vez que o BNG sexa decisivo será bo para Galiza".

Quintana salientou que o Bloque foi unha das poucas forzas nacionalistas que mantivo os seus votos, mesmo experimentando unha lixeira subida, "nunha situación difícil", dixo, "nunha campaña preparada para dous, que chegou a ter tintes antidemocráticos, e na que se quixo excluír a Galiza". Ademais, fixo fincapé en que os resultados destas eleccións "refliten que en Galiza existe un espazo nacionalista consolidado", e engadiu: "mal que lles pese a algúns".

O voceiro nacional do BNG ofreceulle o seu apoio a Zapatero, afirmando que no Estado "é necesario ter unha maioría parlamentar estábel, sobre todo na situación difícil que vén por diante", en referencia a unha futura desaceleración económica. Quintana salientou que o BNG afrontará estes acordos con Zapatero con máis experiencia e lembrou que "a lexislatura dura catro anos" e que o apoio ao goberno non se limita á sesión de investidura, senón que terán que negociar moitos asuntos. Entre eles, o vicepresidente da Xunta citou o decálogo de medidas e reivindicacións para Galiza que o BNG incluía no seu programa, e que irán poñéndose sobre a mesa ao longo da lexislatura.

O seguimento hora a hora
22h25: Segue sen comparecer Quintana, aínda que se comenta que o seu discurso pode xirar arredor de que o BNG é a única forza nacionalista de esqueras do Estado que mantén a súa representación, que o bipartito mellora en Galiza e que, aínda que os socialistas medran, non o fan o suficiente como para poderen convocar eleccións anticipadas. O Bloque medra nas vilas, sobre todo onde gobernan, pero descende nas cidades.


21h30:
Continúa o nerviosismo e a cautela. Seguen pechadas unhas vinte persoas da executiva. Só Jorquera e Ánxela Bugallo aparecen de cando en vez para fumar. Pendentes do escano de Pontevedra, que parece que se vai confirmando segundo avanza a noite.


20h40:
Mentres os xornalistas comen e beben, os representantes do BNG están reunidos no interior, e non comparecerán até que se coñezan datos oficiais. Porén, nótase que están contentos. Coméntase que o escano pola Coruña é seguro, pero a noite será moi longa até coñecer os resultados por Pontevedra.


20h25: O número 1 da lista do Bloque pola Coruña aproveita para botar un cigarrillo ás portas da sede.


20h20: Alberte Ansede, secretario de Organización da Executiva do BNG realiza a primeira intervención pública da noite na sede dos nacionalistas en Compostela. Ansede destaca "a magnífica acollida entre a sociedade da campaña do BNG" e subliña que non haberá novas valoracións até que se coñezan resultados definitivos. Anuncia para daquela a comparecencia do voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana.


20h10: Escaso movemento na sede nacional do BNG.


4.35/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: