Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica de Moncho Iglesias

Toque de queda en Palestina

Poucos minutos despois do atentado do xoves pola noite, contra unha iexivá de Xerusalén, pecháronse todos os pasos fronteirizos cos Territorios Palestinos.

Moncho Iglesias - 14:33 10/03/2008

Poucos minutos despois do atentado do xoves pola noite, contra unha iexivá de Xerusalén, pecháronse todos os pasos fronteirizos cos Territorios Palestinos. Aínda que dous grupos descoñecidos ata agora, vinculados a Hezbollah, proclamaron a autoría do atentado, Hamás admitiu e desmentiu, o venres, estar implicado. Así, na procura de activistas relacionados co asasinato, vehículos militares e bulldozers entraron en Belén, cara o centro da cidade, na procura dun activista da Ihad Islámica. Atrincheirados no último piso dunha das casas da veciñanza, os militares pasaron oito horas nun domicilio privado.

Dende alí non só controlaban os posibles movementos do presunto terrorista, senón que tamén aproveitaron para acabar a despensa de macarróns que tiña a familia e durmir unhas cantas horas, cun retén vixiando constantemente calquera movemento. Dende ese punto estratéxico guiaron a demolición de dúas casas e a saída definitiva da cidade ás 6 da mañá. Sen pistas sobre o activista belenita, o Ministerio de Defensa israelí decidiu pechar todas as saídas e entradas aos Territorios, ata o próximo domingo.

Namentres, en Xerusalén estremouse a seguridade e milleiros de persoas seguiron o funeral dos oito estudantes asasinados. Alí, o director do centro declarou que o ataque era unha continuación do masacre de 1929 en Hebrón, cando foron asasinados 67 xudeus; un ataque contra toda a cidade santa de Xerusalén, afirmou. Este ataque a estudantes, no que outros 9 rapaces resultaron feridos, súmase ás cifras dos 10 palestinos feridos a semana pasada, e aos 22 mortos -20 deles en Gaza. Amais, o Ministerio de Educación palestino afirma que as incursións do exército israelí impediron que estudantes de varias poboacións cisxordanas acudiran aos seus colexios. En definitiva, unha nova escalada de violencia.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: