Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FESTIVAL DE DOCUMENTAIS, DO 12 AO 16 DE MARZO

Tui dálle ao 'Play'

O 'Play-Doc' ábrese este mércores e durante catro días ofrecerá 28 filmes e actividades paralelas, como concertos, clases maxistrais e foros de debate.

Redacción - 13:40 11/03/2008

A cuarta edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, proxectará do 12 ao 16 de marzo 28 documentais que pasaron a selección entre os máis de 600 recibidos, e dos que 14 competirán na sección oficial. O Teatro Municipal será a sé deste certame que se fixo un oco propio no panorama internacional de festivais presentando o máis novidoso do xénero documental.

Este ano, ademais da presenza de traballos de países como Francia, Holanda, Romanía, Israel, Brasil, Suíza, Alemaña, así como varios filmes do resto do Estado, destaca a presenza de media ducia de documentais realizados en Galiza, que competirán nunha categoría de seu. Trátase de Pic-Nic de Eloy Enciso, Radio La Colifata de Carlos Larrondo, Memoria de Camposancos de Jose Ballesta e Miguel Anxo Fernández e Destino á festa de Jorge Algora. Fóra de concurso están as Que pareza un accidente de Mikel Clemente sobre os 25 anos de Siniestro Total e Nacional VI de Pela del Álamo.

Ademais, cómpre salientar que se poderá ver un especial sobre a obra do recoñecido realizador independente Lech Kowalski, no que se presentará a súa triloxía The Wonderful Art of Surviving. Kowalsky ofrecerá así mesmo unha clase maxistral o sábado pola tarde, na que tentará transmitir a súa visión do cinema documental: "o proceso de procura vivido polo realizador tamén debe ser vivido polo espectador"

Concerto de Siniestro Total

Tamén destaca a presenza dun especial sobre documentais sobre violencia de xénero, coa proxección de I'm Scared da realizadora polaca Karolina Bendera, Bajo Juárez: a cidade devorando ás súas fillas dos mexicanos Alejandra Sánchez e José Antonio Cordero e Lle Papier ne peut pas Envelopper a Braise do veterano e prestixioso realizador camboyano Rithy Pan. E a xa habitual sección de documentais de música, que estarán acompañados de tres concertos sobre os grupos protagonistas dos filmes. Así, o venres Jimmy Rosenberg, the father, the son the talent precederá ao concerto do Jimmy Rosenberg Trío; o domingo actuarán os senegaleses Cheikh Baye Fall e Jac Keita, creadores da banda sonora da película Princesa de África.

O prato forte será o sábado, coa estrea do documental Que pareza un accidente (ás oito e media da tarde), e o posterior concerto que ofrecerán os propios Siniestro Total ás doce e media da noite, teloneados por Ataque Escampe, cuxa actuación comezará ás dez e media.


Ligazóns

3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: