Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
AS BIBLIOTECAS EN GALIZA (I)

Xa está aquí o discutido canon

A medida xerou críticas entre bibliotecarios e escritores, e moitas dúbidas, comenzando por quen o vai pagar: o Estado, a Xunta ou os concellos, e en que proporción.

Marcos S. Pérez - 09:00 25/03/2008

O canon bibliotecario é unha medida imposta por unha directiva europea, que durante anos o Estado Español resistírase a aplicar, pero que finalmente acatou, ante a ameaza de ser obrigada a pagar unha cuantiosa multa, superior ao propio importe do canon. Así pois, a partir de agora pagarase unha certa cantidade polos libros que que se consulten nas bibliotecas, unha cantidade que será abonada aos seus autores e editores a través de Cedro, unha sociedade privada.

O Ministerio de Cultura comprometeuse a abonar o importe íntegro do canon bibliotecario correspondente a 2007, a razón de vinte céntimos por libro empresado. Porén, aínda non está claro quen pagará o canon en 2008 nin nos vindeiros anos, e o único que parece seguro, en principio, é que non o pagarán (directamente) os lectores. Existe un compromiso, aínda non oficial, polo que o Ministerio de Cultura asumirá a parte máis importante do pago (entre un terzo e a metade), mentres que a Xunta de Galicia e os concellos ocuparanse do resto, en proporción aínda por determinar. En total, Galiza deberá abonar ao redor de seis millóns de euros anuais, unha cifra que debería ser asumíbel polas administración galega e a estatal. Porén, dende as editoriais e asociacións de autores aclárase que non é unha cuestión de cartos, senón de principios, de ver satisfeito os seus "dereitos de propiedade intelectual".

Os cidadáns e colectivos opostos ao canon lembran que cando unha biblioteca merca unha obra págalle ao autor os debidos dereitos económicos. A medida parece especialmente inxusta, tendo en conta o labor de promoción da lectura, de coñecemento de obras e autores, que realizan as bibliotecas públicas, e os déficits históricos de financiamento que sofren. Parece pouco sólido, igualmente, o argumento de que o empréstito de libros nas bibliotecas réstalles vendas aos autores galegos. Reclámase tamén que o pago se realice a través dunha oficina pública e non cunha entidade privada de xestión como é CEDRO.

Pola súa banda, a Consellaría de Cultura pediulle ao Ministerio a exención non só en bibliotecas escolares e das municipais de concellos de menos de cinco mil habitantes, como prevé a lei finalmente aprobada, senón tamén nas públicas de localidades de menos de 50.000 habitantes, polo que só deberían pagar as bibliotecas das sete cidades galegas. Ademais, a Consellaría de Cultura reclama que nas bibliotecas nodais, de titularidade estatal, debería ser o Estado central quen se faga cargo dos pagamentos, e finalmente esíxelle ao ministerio "un compromiso claro" de que vai achegar novos fondos para que o impacto do canon sexa o menor posíbel para as bibliotecas municipais cun orzamento máis reducido.

Falta de información e moitas dúbidas
A falta de información é xeralizada. Non só falta por decidir quen asumirá o pago, senón que tamén ignórase a forma en que se cobrará o canon. Renunciouse, en principio, a levar un rexistro exacto dos libros emprestados e a comprobar se estes entran dentro das obras que teñen que pagar canon (hai títulos publicados hai máis de 50 anos, xa exentos de pagar dereitos), se teñen licencias libres, ou se pertencen ou non a escritores que desexan cobrar o canon (un grupo importante de autores renunciou a cobralo).

Polo tanto, as bibliotecas terán que pagar polos libros adquiridos, e non polos que empresten. O sistema final será semellante ao utilizado co pago polas fotocopias realizadas, é dicir, unha estimación. Porén, todo isto está aínda por decidir. Ignórase tamén a forma en que distribuirá o canon, que en principio repartirase nun 55% para os autores e un 45% para os editores. Non se decidiu se o posterior reparto entre eles realizarase de xeito arbitrario, como fai a SGAE (de forma proporcional á importancia do autor), ou mediante mecanismos obxectivos.

A posición da AELG
Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, mantén unha posición de defensa do canon, que entende como "xusta compensación" aos escritores, para equilibrar as perdas que lles provocan as bibliotecas, ao reducir, na súa opinión, a súa cifra de vendas en librarías. Así mesmo, maniféstase sorprendido polas críticas dos bibliotecarios: "non comprendo como un colectivo de traballadores pode non apoiar que outro colectivo cobre o que é xusto". Ademais, afirma que estes cartos destinaranse a poñer en marcha un "fondo social de escritores". Finalmente lembra que Cedro, a diferenza doutras entidades de xestión como a SGAE, non ten un gran patrimonio inmobiliario e emprega locais alugados.

A posición da AGE

Pola súa banda, Alfonso García Sanmartín, presidente da Asociación Galega de Editores, salienta que o canon non repercutirá directamente nos lectores, e que ademais vén imposto por unha normativa europea. Polo tanto a posición oficial dos editores galegos é de "respeto a unha normativa superior". Porén, García Sanmartín advirte que se o pago do canon por parte da administración significase un detraemento dos investimentos públicos en bibliotecas "teríamos que pelexar todos xuntos" e lembra que aí estaría un instrumento como a Mesa do Libro. De igual xeito, García Sanmartín lembrou que dende hai tempo a AGE vén pelexando pola profesionalización das bibliotecas e polo aumento dos fondos a elas destinadas. Así mesmo, o presidente dos editores galegos manifestou estar do lado dos biliotecarios e reclamou un meirande apoio para as bibliotecas escolares tamén.

A posición dos bibliotecarios
María Isabel Blanco, presidenta de Anabad-Galicia, deixa clara a postura dos bibliotecarios: "non estamos de acordo co canon, con que se pague por emprestar libros e acceder á cultura, por iso fixemos parta da plataforma que se creou hai uns anos" mais tamén indica que "a realidade é a que é e temos que adaptarnos". Certo é que os concellos terán que asumir unha parte mínima do canon, pero María Isabel Blanco di que "o noso principal temor é que o pago do canon por parte da administración supoña un detraemento do investimento para as bibliotecas noutras partidas. En principio existe unha promesa de que non vai ser así, pero os presupostos son os que son, non se estiran".

Outros movementos de oposición
O canon bibliotecario é unha medida da Unión Europea que debe ser aplicada en todos os Estados. De feito, a Comisión europea ameazou a España con multas millonarias (de trescentos mil euros diarios) se seguía negándose a aplicar a taxa. Polo tanto, a resistencia organízase a nivel supraestatal, e os colectivos opostos ao canon están levando a cabo unha recollida de sinaturas para solicitar a retirada da Directiva perante os tribunal europeos. Iniciouse o 23 de abril de 2007 e o seu obxectivo é reunir nun ano máis dun millón de sinaturas.

Contra o canon tamén se pronunciaron as universidades: na súa asemblea xeral do 25 de xaneiro de 2006, a Conferencia de Reitores aprobou unha declaración institucional presentada por Carlos Berzosa, presidente da Rede de Bibliotecas Universitarias. E tamén numerosos escritores, como José Saramago, Joan Marsé, Rosa Regás ou Almudena Grandes, e en Galiza un bo número de autores pertencentes á AELG, aínda que o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, afirma "non ter noticia de que entre os escritores afiliados á AELG existan opinións discordantes coa oficial".


4.5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: