Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un tema que xa estaba na axenda dos tres grupos

A panca de Galeuscat podería forzar a reforma do voto emigrante

O BNG esixirá que se faga nos seis primeiros meses de lexislatura. A perda dun escano en Barcelona por este motivo, podería acelerar o compromiso de CiU.

Redacción - 09:00 13/03/2008

A un ano dos comicios deste 9 de marzo, e nunha xuntanza mantida co secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, á que asistiran tres representantes de Galeuscat, Francisco Jorquera (BNG), Josune Ariztondo (PNV) e Carles Campuzano (CIU), a urxencia da reforma da lei electoral no que lle toca ao voto emigrante xa aparecía entre os requirimentos destacados, á beira doutros como a reforma do Senado ou a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

O PSOE aparcou daquela os compromisos prometidos ao respecto e os socios de Galeuscat deixaron en segundo plano esta esixencia, manténdose os nacionalistas galegos coma os máis activos na reivindicación dos cambios no voto da emigración.

Agora e á volta do 9M, o BNG volve salientar esta demanda, e anuncia que durante a propia sesión de investidura do presidente do goberno español vai esixir esta reforma. A que foi cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Paz Abraira, avanzou este mércores que será un dos temas que os deputados electos do Bloque leven a esa sesión, pedindo que o executivo estatal se comprometa a ese cambio "nos seis primeiros meses de lexislatura e antes das autonómicas do próximo ano".

Abraira pronunciouse así mentres supervisaba o proceso de reconto do Censo de Residentes Ausentes (CERA) na Xunta Electoral Provincial luguesa, e recordando que case o 10% dos votos totais na provincia chegaron da emigración. Segundo lembrou Paz Abraira, o BNG solicita que os emigrantes voten en urna, que se cree unha circunscrición electoral específica e que computen para fixar a repartición de escanos. Segundo este último criterios, Lugo incrementaría a súa representación no Congreso, pasando de catro a cinco deputados. Nese suposto e cos números do 9M, o BNG tería conseguido un deputado pola provincia.

O PP tíralle un escano a CiU en Barcelona grazas á emigración
O último escano que CiU conseguira o 9M en Barcelona por apenas 71 apoios, cambiou este mércores de dono ao contárense os votos chegados da emigración. Segundo as novas cifras, o PP pasa a ter un escano máis, asento que perde CiU, por tan só 238 papeletas de diferencia. O resultado final está pendente do reconto de actas impugnadas.


5/5 (7 votos)


Comentarios (8)

Artiguista #1 13/Marzo/2008 Artiguista

Poida que desta vez avancemos e teñamos unha nova electoral que é de xustiza. Poida que agora CIU pola conta que lle ten considere que é necesaria reforma. Ata agora os verdadeiramente interesados eran os do BNG porque nin PSOE nin PP vían necesaria a reforma (ao seren fortes ou gobernar en Madrid sempre recollían moitos votos dos emigrantes). Un problema serio é o de contabilizar aos emigrantes para que o censo de Galicia teña 329.000 persoas máis. Na provincia da Coruña perdemos un deputado e isto é unha vergonza ademais dunha tomadura de pelo. Resulta que perdemos representantes porque os residentes no exterio non contan. Parece de coña.Adianto que o gran prexudicado na reforma será aquel dos grandes partidos que non ocupe a Moncloa. Os pequenos partidos de todo o estado español recibirán poucos votos, é certo, pero todos votos honrados porque non houbo ningunha recadadora-axente electoral polo medio e tampouco ningunha enchenta. Hai que presionar a tope para nas vindeiras autonómicas os nosos emigrantes poidan VOTAR EN URNA (para que como ben di en GALICIA EN EL MUNDO M.S.Suárez conseguir "que as urnas saian das furnas").Por certo, algúns quedarán sen choio porque rematou a "axuda a domicilio" para recoller os sobres cos votos.

casdeiro #2 13/Marzo/2008 casdeiro

E agora CiU botará os cans sobre os seus residentes no exterior como adoita facer o nacionalismo galego cando non lle gusta o resultado electoral que obteñen? >;-D

casdeiro #3 13/Marzo/2008 casdeiro

Por certo o de "voto emigrante" non queda moi ben, xa que nin son os votos os que emigran ;-D nin todos os que votan son (ou foron) emigrantes. É preferible "voto da diáspora" ou "voto do exterior".

Sabrexo #4 13/Marzo/2008 Sabrexo

O voto dos descendentes de emigrantes precisa dunha reforma, e o dos emigrantes e xente que está embarcada debe ser garantido. Tamén se deben reformar as circunscricións, e facelas cando menos por comunidade autónoma. A representación actual do Congreso non é democrática, os partidos estatais teñen máis representación da que lles outorgou a cidadanía.

CGB #5 13/Marzo/2008 CGB

Benvido o apoio de CIU (aínda que sexa por interese)para acabar dunha vez coas lamentables irregularidades do voto emigrante ou da diáspora galega. A reforma acabará coa consideración pexorativa de que case tódolos votan a cambio dunha comidiña. O voto en urna é o máis limpo sempre e cando vaia acompañada da corrección de erros, é dicir, que os máis de 300.000 inscritos no CERA ---que son cidadáns galegos--- sexan contabilizados. Non entendo o razoamento que sostén que só contan os residentes en Galicia para determinar o número de representantes. Así é que soben en Madrid ou en Alicante cos inmigrantes e nós baixamos. Hai que espelir porque o PP non quere a reforma (menos mal que temos a favor a Pepe Blanco que non quere que se lle escapen os votos lucenses). Moi ben o BNG empurrando con convicción diante dos que o querían machucar por pretender "quitarlle dereitos aos emigrantes". Lembremos que no senado o único que defendeu esta reforma foi F.Jorquera.

Barbara #6 13/Marzo/2008 Barbara

Gústame o de "urnas fóra das furnas". O voto do exterior necesita de luz e taquígrafos para acabar dunha vez con tanto retraso. A diáspora foi considera polos grandes partidos como menor de idade. Aquí o BNG pode ser protagonista aínda que teña só dous deputados en Madrid. A reforma acabará coa desfeita actual e a EMIGRACIÓN-DIÁSPORA terá os mesmos dereitos ca nós. Adiante Jorquera!

Albert #7 13/Marzo/2008 Albert

A verdade é que de conseguilo sería un exito moi considerable. A ver se os da Tribuna Galeuscat e tódolos partidos "minoritarios" (pola conta que lles trae) deixan de adiar esta reforma e tiramos pra adiante. Sería unha moi boa nova, e o Bloque, sendo un dos principais impulsores, gañaría enteiros de cara á xente.

casdeiro #8 15/Marzo/2008 casdeiro

O que teñen que facer PSOE e BNG é reformar a lei electoral galega e poñer a circuscrición propia para a "quinta provincia". Será moi interesante ver os resultados. E moito máis limpo, diso non cabe dúbida.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: