Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ANIVERSARIO DO SEU PASAMENTO

Cinco anos sen Lois Tobío

O 13 de marzo de 2003 morría en Madrid o escritor, tradutor e diplomático, fundador do Partido Galeguista e redactor do anteproxecto de Estatuto de 1931.

Redacción - 11:04 13/03/2008

A actividade de Lois Tobío foi tan ampla e intensa que resulta complicado centrarse nun único aspecto: tradutor, xornalista, diplomático... Tal día como hoxe morría en Madrid un home que, como moitos outros, converteuse nunh figura clave do galeguismo e da cultura galega sen ter realizado unha importante obra de creación.

Nace en Viveiro en 1906, nunha familia de simpatías rexionalistas; é no curso preparatorio de Dereito, en 1922 en Compostela, cando fai amizade con Bouza Brey, Filgueira Valverde, Ramón Martínez López ou Cotarelo Valledor, converténdose en 1923 nun dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, do que Tobío foi coordinador da sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.

En 1931 Lois Tobío redacta, xunto con Bóveda, Carvalho Calero, Paz-Andrade e Risco, o anteproxecto de Estatuto de Autonomía, base do finalmente aprobado en referendo en 1936. Naquel momento entrou a militar no Partido Galeguista, e a partir de 1933 convértese en secretario do embaixador de España en Bulgaria, onde recibe a nova da sublevación fascista. Durante a guerra ocupa distintos postos no ministerio de Asuntos Exteriores do goberno republicano.

Tobío exíliase en varios países americanos, residindo nos anos seguintes en Nova York, La Habana, México e Montevideo, onde traballa de xornalista, primeiro, e para a farmacéutica Roche despois, entrando en contacto cos líderes e institucións galeguistas do Río da Prata, e ideando o Consello de Galiza, definido por el mesmo como "fideicomisario" da vontade autonómica popular galega e parte integrante da legalidade republicana extraterritorial. En Uruguai reside até que en 1963 regresa a Madrid, obrigado polo seu traballo en Roche.

Iniciou o seu traballo como tradutor, volcando ao castelán obras de Hesse, Heller ou Heinrich Mann. En galego traduciu Os sonetos a Orfeu (de Rainer Maria Rilke), o Fausto (de Goethe), e Nai coraxe e máis os seus fillos (de Bertold Brecht). Así mesmo é autor de diversos ensaios, como A intervención de Gondomar nos problemas internacionais da pesca ou Catro ensaios sobre o Conde de Gondomar, a autobiografía As décadas de T.L., un libro de memorias que nos traslada por todo o século XX a través das súas impresións, ou a novela póstuma A nova vida. Lois Tobío recibiu numerosos recoñecementos, como o Premio Trasalba ou o Pedrón de Ouro. En 2006 recibiu unha homenaxe no centenario do seu nacemento.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: