Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DOCUMENTAL SOBRE A ORQUESTRA

Los Satélites, 70 anos 'de lenda'

Paco Lodeiro, acompañado polo histórico vocalista Sito Sedes, presenta en Carballo o documental Satélites, unha orquestra de lenda.

Marcos S. Pérez - 13:58 13/03/2008

Los Satélites naceron en 1939 na Coruña, e en 2009 celebrarán o seu 70 aniversario cun novo disco e un documental. Satélites, unha orquestra de lenda, realizado por Paco Lodeiro, percorre estas sete décadas de historia dunha das orquestras máis importantes da historia de Galiza (con permiso de Los Tamara). Precisamente será Tito Sedes, vocalista de Los Satélites entre 1970 e 1982 e de Los Tamara nos anos seguintes, despois da retirada de Pucho Boedo, quen acompañe a Lodeiro na presentación do filme, este xoves en Carballo, dentro da programación de Cinemas Dixitais, da Axencia Audiovisual Galega.

Ao finalizar a Guerra Civil, Manuel Otero Mariñas, un dos mellores saxofonistas de Galiza, e Jaime Camino, cantante, actor e produtor de cinema, formaron a orquestra cun conxunto de músicos procedentes na súa meirande parte de bandas militares. Los Satélites foron consolidándose nas décadas dos corenta e dos cincuenta como unha das mellores agrupacións do país, realizando numerosas xiras polo norte de España, por Europa, e mesmo por América, converténdose na primeira orquestra do Estado que viaxaba ao continente. En 1955 actuaron durante catro meses en Venezuela, coa voz do gran Pucho Boedo, chegando a ofrecer recitais en dúas canles de televisión.

A orquestra participou tamén en festivais de música e programas de televisión, por exemplo no Festival del Eo, en Vegadeo (onde acompañaron a Massiel), ou no Festival do Miño, onde foi a agrupación titular entr 1967 e 1970. Tamén participaron no programa de TVE Aplauso, ao longo de 1980. Ten recibido diversos premios á mellor orquestra, ou á orquestra máis solicitada do Estado, e en 1977 obtiveron un disco de ouro. Los Satélites permanecen en activo, e por exemplo en 1999 participaron na gravación do álbum Capetón, dos Diplomáticos de Montealto, e na actualidade a serie Libro de Familia emprega como cabeceira unha canción da orquestra.

Los Satélites contan cunha lexión de seguidores, encabezados polo propio Paco Lodeiro, que ten dito algunha vez que "A min gustaríame ser Sito Sedes, vogalista de Los Satélites. Cando eu era rapaz e comezaba a ir ás verbenas, Sito collía o micro e, con aquela delicadeza, cantaba aquilo de Que soledá, que inmensa soledá invade el alma mía"


5/5 (3 votos)


Comentarios (5)

salvora #1 13/Marzo/2008 salvora

Como di un meu amigo desde a visceralidade: Da coruña só se salvan a Estrella Galicia e Os Satélites.
Que ghusto escoitar a aqueles Satélites nos que o que predominaba era o vento (saxos, trompetas...)!. nunca escoitei, nin creo que volva escoitar unha orquestra que os manexase tan ben.
A última vez que os vin defraudáronme moito por intentaren seguir a moda das novas orquestras (Panorama, Costa Oeste...) que non son outra cousa que espectáculo discotequeiro adaptado aos campos da festa. Tempos idos!

mau #2 13/Marzo/2008 mau

#1 E alguma coisinha mais, oh! Com o sem visceralidade, da Crunha, salvam-se muitas coisas. Muitas mais das que gostariam reconhecer um número nada desprezável de galegos-as. Lamentável. A ver se mudamos um pouquechinho o chip, caramba!

roixordo #3 13/Marzo/2008 roixordo

Os que pensan que da Coruña só se salva iso:
1º viven nun mundo irreal, onde pensan que as súas cidades ou vilas son a panacea e A Coruña o resumo de tódolos males deste país.
2º amosan unha ignorancia supina sobre os orixes dos galeguismo
3º nunca foron de tapas pola rúa da Franxa ou da Barreira

salvora #4 14/Marzo/2008 salvora

En ningún caso quixen ofender aos coruñeses/as. Eu si creo que na Coruña hai moitísimas cousas boas. Só era unha maneira -seguramente pouco afortunada- de hiperbolizar o que significaron e significan os Satélites. Mil perdóns a todos/as os/as que se sentisen ofendidos/as.

mau #5 14/Marzo/2008 mau

Se o problema em realidade não é contigo, Sálvora. São determinados tópicos que estão instalados numa parte da sociedade galega que não há forma de sustentar racionalmente. Para mim é só uma amostra do cainismo, auto-ódio e idiotez(em sentido etimológico) do "Povo Galego": "Vigo No!" "Puta Coruña" "Cidade de fatxas" "De dónde nació el primer Vigués?" Etc. etc, com a salvedade de que parece que a Crunha e os seus vizinh@s se convertem no principal chivo expiatório de todos os males que fazem deste amago de Região Provinciana um sítio sem aspirações colectivas. "A la mierda".

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: