Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ANA ISABEL BOULLÓN, LINGÜÍSTA

"Os cinco séculos que separan o nacemento da lingua e o seu paso á escrita son moi interesantes"

A profesora da USC coordina a obra colectiva 'Na nosa lyngoage galega', que analiza de xeito multidisciplinar o nacemento da lingua galega escrita.

Marcos S. Pérez - 11:00 14/03/2008

O libro Na nosa lyngoage galega. A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media recolle as actas do simposio organizado en novembro de 2005 polo Instituto da Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura Galega, onde foi presentado esta semana. A obra recolle 25 traballos de profesores e investigadores de universidades galegas, mais tamén catalanas, portuguesas e mesmo alemanas, que afondan no contexto histórico, social e lingüístico no que o galego deu o salto da orallidade á escrita durante a Idade Media.

Era un aspecto da historia da lingua galega pouco estudado?
A escrita medieval en galego sempre se estudou, partindo por exemplo das cantigas. A orixinalidade deste libro é que reúne traballos moi diversos, que en conxunto compoñen un estudo multidisciplinar: historiográfico, lingüístico, sociolingüístico, paleográfico..., da emerxencia do galego escrito na Idade Media, enmarcado no contexto europeo.

Claro, obviamente no momento en que se xeraliza a escrita en galego faino tamén nas outras linguas romances europeas...
Si, é un movemento que nace en Francia e en Boloña, e que se vai estendendo de leste a oeste e de norte a sur. De feito en Galiza comeza a escribirse un pouco antes ca no sur do Miño, no Reino de Portugal.

En que momento se produce ese salto á escrita?

O galego falábase dende o século VIII como lingua diferenciada do latín e doutras linguas. Esa marxe de cinco séculos que transcorren entre o xurdimento do galego como lingua oral á súa emerxencia como linga escrita resulta moi interesante. Do que podemos estar seguros é de que o galego escribiuse antes como lingua literaria que como lingua administrativa, e como poesía antes que prosa, coas cantigas medievais que comezan a aparecer no século XII. O primeiro documento escrito en galego data de 1228, unha regulación xurídica de Castro Caldelas (o Foro do Bo Burgo), descuberta por Henrique Monteagudo hai un par de anos. Pero o seu uso non se xeraliza até 1270.

O galego escrito era empregado por algunha administración ou colectivo en particular, máis ca outros?
Temos constancia de que comezou a usarse primeiro nos mosteiros, que conformaban unha auténtica administración que vertebraba todo o territorio, e que eran verdadeiros centros de poder. Por suposto, tamén se usaba nos concellos, sobre todo por unha razón instrumental, porque eran quen máis se relacionaban co pobo, que só falaba o galego. O problema é que estes documentos conserváronse peor cós dos mosteiros.

O galego escrito xeralízase no século XIII. Pero, cando comeza a esmorecer, dando paso aos Séculos Escuros?
Xa a finais do século XV comezan a advertirse palabras soltas en castelán, no medio de documentos escritos en galego. E nun momento do século XVI o galego desaparece bruscamente de todos os documentos, aínda que até o momento non se atopou texto ningún que prohibise de xeito expreso o uso da lingua.

O título do libro "na lyngoage galega" é un extracto cun texto tardío, de 1490...
Pero é importante, porque non era tan habitual a referencia expresa á lingua galega. Normalmente, falábase de latín, e se non era latín, dicíase 'romance'; se estabas en Galiza romance referíase ao galego, se estabas en Castela, ao castelán. A primeira referencia ao 'galego' como lingua aparece nun tratado de poética realizado por un catalán en 1290.

Ao falarmos de 'galego' na Idade Media, falamos de galego-portugués, non si?

Durante séculos as diferenzas existententes entre a lingua que se falaba ao norte do Miño e ao sur do Miño eran insignificantes, por suposto na lingua oral e mesmo na escrita. Pero si existe unha fornteira gráfica entre os textos escritos en Galiza e en Portugal, pois a partir de 1290 cando o portugués se converte na lingua oficial do Reino de Portugal, os reis portugueses adoptan o uso do nh e do lh, nunha vontade de diferenciación de Castela. Por iso é doado diferenciar os textos escritos aquén e alén Miño.


3,95/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rosario Álvarez, Ramón Villares e Ana Boullón, durante a presentación do libro
Rosario Álvarez, Ramón Villares e Ana Boullón, durante a presentación do libro