O Karpin Galicia tivo moita presenza na primeira etapa da Volta a Santarem que gañou Manuel Cardoso, do Liberty Seguros. Tamén destacaron moitos ciclistas galegos que corren en Portugal.
Manuel Cardoso (Liberty Seguros) gañou a primeira etapa da III Volta ao Distrito de Santarem, que uniu as localidades de Fátima e Abrantes, a través dun itinerario de 201,9 quilómetros.
O corredor portugués convértese tamén no primeiro líder da carreira, con 9 segundos sobre Héctor Guerra (Liberty Seguros) e Khalilov (Flaminia), segundo e terceiro, respectivamente.
O equipo ciclista profesional galego tivo unha destacada presenza na primeira proba desta rolda, colocando a Vorganov e a Veloso nos postos doce e trece na etapa. Ademais na carreira destacaron Rabuñal e Isaychev, sendo protagonistas de dúas das fugas máis significativas da xornada.
Protagonismo dos corredores galegos en Portugal
A vitoria decidiuse nunha chegada co último quilómetro en suba, que estirou moito ao pelotón e onde Cardoso avantaxou en 2 segundos a Héctor Guerra (Liberty Seguros) e Khalilov (Flaminia). A 6 segundos chegaba o galego David Blanco (Palmeiras Resort), no décimo posto, e a 9 os corredores do Karpin Galicia Vorganov (duodécimo) e Veloso (décimo terceiro), xunto co estradense Alejandro Marque (Palmeiras Resort), que ocupou a décimo sexta praza.
Na xeral, as bonificacións dan 10 segundos máis de vantaxe a Cardoso sobre a representación galega. A segunda etapa disputarase entre Río Maior e Benavente sobre 192,4 quilómetros.