A organización renovou este sábado a súa comisión coordinadora e creou dúas novas áreas de traballo.
A asociación ecoloxista Verdegaia desenvolveu este sábado a súa segunda asemblea, "tranquila e relaxada", segundo dixo o seu secretario xeral, Xosé María García. Ademais das consabidas aprobacións de informes e de planos de traballo elixiuse a nova comisión permanente, onde non haberá moitas caras novas pero si cambios de cargos.
A nova coordinadora xeral de Verdegaia será Sonia Couso, anterior tesoureira. Ese cargo será o que ocupe o anterior coordinador xeral, Xan Duro. Na secretaría xeral continuará Xosé María García, mentres que Diego Rodríguez Vieites pasa a ser o vicesecretario xeral da organización.
Tamén haberá novidades nas áreas de traballo, pois créanse dúas novas: a de litoral, da que se ocupará Antón Fortun, e a de residuos, dirixida por Paula Lubián. Óscar Freire mantense como responsábel da área de forestal, Xosé María García en paz e globalización e Xan Duro en enerxía e transporte, mentres que Diego Rodríguez pasa a coordinar biodiversidade e Miguel Pardellas asume educación ambiental.