Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Novos éxitos do atletismo de base

Medallas a esgalla para os atletas do país

Tres medallas no Estatal de Campo a Través, unha no xuvenil e catro máis no estatal cadete de Pista Cuberta. Ademais, coa súa boa actuación Jesús de la Fuente podería ir ao Mundial.

Redacción - 11:30 17/03/2008
Carlos Porto, cadete e ouro nos 1.000 metros

Carlos Porto, cadete e ouro nos 1.000 metros

Metais e máis metais para os mozos e mozas do atletismo galego. Esta fin de semana o atletismo galego de base destacou nos campionatos estatais en distintas modalidades.

Primeiro, nos Campionatos Estatais Cadete en Pista Cuberta, desenvolvidos en Oviedo. Aquí houbo dous ouros, un para o atleta do Samertolameu, Carlos Porto Pazos, en 1.000 metros, (cun rexistro de 2.42.22); e outro para Antía Martínez Queimaño, do Morrazo, en 60 metros valados.

Por outro lado, houbo unha medalla de prata para Alicia Merino Pérez, do San Fernando Lucus, que cunha puntuación de 2.433 puntos conseguiu o metal nas probas combinadas (tetratlón). Con esta puntuación, Merino mellorou a mellor marca galega da categoría. No podio estaba para acompañala Sonia Becerro Fernández, atleta do Sierra Narón, que conseguiu o bronce con 2.396 puntos.

E no Xuvenil de Pista Cuberta: 2 ouros e un bronce

Houbo máis metais, desta volta para a atleta viguesa Eva Costa Pérez, que, cumprindo os prognósticos, proclamouse Campioa Estatal de Pista Cuberta de Donosti, en salto, cunha marca de 13,21 metros.

Tamén destacou Leticia Fernández Barbosa, do Ourense Academia Postal, conseguindo a vitoria en 1.500 cun rexistro de 4.36, a súa mellor marca persoal.

A tamén atleta do Academia Postal, Iria Abelleira Dueñas, conseguiu a medalla de bronce en altura, ao superar o listón de 1,66.

No Estatal de Campo a Través:
Tamén houbo medallas no Campionato Estatal de Campo a Través, desenvolvido en Cuenca. Dúas pratas e un bronce foron para Sandra Mosquera Losada, en categoría júnior. En terceira posición entrou outra galega, Paula Mayobre.

Coas puntuacións de Mosquera e Mayobre, sumadas ás de outras dúas atletas, Saleta Aboy (17) e María Martínez (28), a selección galega conseguiu colocarse terceira por Autonomías.

Noutras categorías a actuación dos atletas galegos tamén foi salientábel, como por exemplo en absoluta homes, onde o compostelán Jesús de la Fuente entrou a 21 segundos da medalla de bronce. Desta volta de la Fuente ten serias opcións de se meter no equipo estatal para o Mundial, unha espiña que ten aínda cravada o compostelán, que o ano pasado quedou a nada de entrar na convocatoria.

Detrás del, que foi sétimo, entraron Manuel Hurtado (28) e Carlos Villamar (61). Os outros galegos na proba, Pedro Nimo e Manuel Penas tiveron que se retirar.

En absoluto mulleres a primeira das galegas foi María Abel, que entrou décima. Por detrás dela chegou Soedade Castro (57), Margarita Fernández (58), Mónia Dorelle (61), Luz Basante (83) e Iria Fernández (86), quedando Galiza décima por Autonomías.

En promesa homes Juan Pousa quedou décimo, seguido doutros atletas galegos coma Iván Iglesias (15) e Víctor Álvarez (53). O resto do equipo non puido completar a proba. En promesa mulleres a primeira das galegas en entrar foi Alicia Folgar (19), seguida de Erea Rodríguez (21), Andrea García (24) e Consi Gómez (36). Coa súa actuación as mozas conseguiron a cuarta praza para Galiza por Autonomías.

E en cantos aos júnior homes, o equipo galego fixo que Galiza se situase novena por Autonomías, debido á actuación de Óscar Vicente, que entrou 13º, seguido de David Cabezas (33), Rubén Rodríguez (41), Sergio Santos (54) e Diego Barreiro (68).


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: