Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Liñas de acción a curto prazo

A CNTL impulsará o cambio da "desfasada" lei de uso do galego nas entidades locais

A creación do Consorcio de Planificación Lingüística tamén é meta en 2008 para a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, CNTL.

Redacción - 13:30 18/03/2008

Solicitar a actualización da Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais ou ben a aprobación dunha "nova lei" ao respecto, é un dos obxectivos principais que subliñan desde a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, CNTL. A iniciativa xurde da asemblea xeral celebrada o pasado venres 14 en Compostela e no que os socios e socias aprobaron as liñas de acción para o treito 2008-2009.

Xa que logo, unha das metas será acelerar o compromiso por parte da administración, e coincidindo co final da actual lexislatura, respecto dalgunhas das principais demandas da CNTL. Iso inclúe ademais a presentación dunha proposta para promover a aprobación ou actualización de ordenanzas de impulso do galego desde as administracións locais.

Tamén velarán pola creación dos anunciados Consorcio de Planificación Lingüística e Consorcio de Terminoloxía; a coorganización do segundo Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña, logo dunha proveitosa primeira edición; a continuación dos Encontros de normalización lingüística; proporá a continuación dos Encontros de normalización lingüística; procurará a realización ou colaboración na realización de encontros e xuntanzas territoriais ou sectoriais para o contacto, información e procura de coordinación e desenvolvemento de accións conxuntas; impulsará a coordinación entre os Servizos de Normalización Lingüística e os Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua e publicará os resultados do "proxecto para a definición dos servizos lingüísticos e os perfís profesionais dos/as traballadores/as de normalización lingüística en Galiza".

Poden ampliar na web da A Asemblea da CTNL aproba por unanimidade as liñas de acción para o 2008


5/5 (11 votos)


Comentarios (2)

Xiurisma #1 19/Marzo/2008 Xiurisma

Se parecer me parece xenial... pero chámame moito a atención a COPIA LITERAL do que se fai en Catalunya. Veño de estar alá un mes e de ver que teñen a AXENCIA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS dende hai anos, o VOLUNTARIADO LINGÚÍSTICO tamén dende hai tempo, e agora o CONSORCIO. Eu alá estudei de balde nos cursos do Consorci per a la Normalització Lingüística, que por certo, teñen centro de estudos e recursos en cada vila, por suposto libros de texto en català para persoas estranxeiras, etc. Xa que estamos por copiar, en Galiza é moi necesaria a versión galega do INSTITUTO CATALÀ DE LA DONA. Instituto Galego das Mulleres. Si. Señoras e señores políticos, inclúano na súa axenda. Boas noites.

LOIS_DE_SILAN #2 19/Marzo/2008 LOIS_DE_SILAN

("Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, CNTL", daquela a sigla será: CTNL, ou non?)

A Lei de uso do galego nas entidades locais xunto coa Lei de normalización lingüística deben ser substituídas pola Lei de usos lingüísticos na Galiza. Lei na que se debe reflecter con clareza que na Galiza debe ser usada a súa lingua territorial propia como en Castela é usada a súa; sen prexuízo de usarmos excepcionalmente linguas alleas, coma en Castela!

"... promover a aprobación ou actualización de ordenanzas de impulso do galego desde as administracións locais".

Unha Lei de usos lingüísticos de calidade media debe facer innecesarias regulamentos de aplicación nas entidades locais (inflación normativa).

O cacarexado Consorcio de Planificación Lingüística non ten obxecto ningún. A planificación lingüística xa está claramente planificada no ordenamento xurídico vixente e aplicábel. Outra cousa évos que alguén queira atopar traballo ou mellorar o que ten!

"Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña".

Os da CTNL confunden os seus intereses de traballadores cos xerais dunha política lingüística na Galiza. Carece de toda lóxica política atomizar a política lingüísica nas "Administracións locais da Corua".

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: