Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
UXÍA, CANTANTE

"Hai que viaxar moito, e facelo con ollos moi curiosos"

'Eterno Navegar' é unha viaxe polo Atlántico: de Galiza a Cabo Verde, de Angola a Lisboa pasando por Brasil, unha travesía mariñeira na que se mesturan todos os ritmos.

Marcos S. Pérez - 10:36 23/03/2008

"Máis alá do ermo das palabras/ máis alá da dor/ sinto o teu calor", así canta Uxía en Sen ti, segundo tema do álbum. O Máis Alá é o horizonte dos viaxeiros, dos mariñeiros, dos poetas e dos artistas, de todos aqueles que encetan un camiño. E Eterno Navegar é un camiño, a viaxe de case oito anos que Uxía realizou dende o seu último traballo, A danza das Areas. Moito tempo? O necesario para coñecer e impregnarse das mornas caboverdianas, dos ritmos angolanos e das cancións tradicionais das Azores. Días e noites en Lisboa, e un exército de poetas e músicos dos que Uxía se foi rodeando para conformar este traballo, no que conflúen todos os portos e praias do Atlántico.

Eterno Navegar
estará nas tendas o 14 de abril (aniversario de proclamación da República), pero os asistentes ao concerto que a cantante ofreceu o pasado 15 de marzo en Compostela puideron gozar xa destes novos temas, na voz de Uxía e de todos os amigos que a acompañaron, de Galiza, de Portugal, de Cabo Verde, de Guiné Bissau, de Angola... "Cada vez hai máis aproximación, máis contacto. Á fin e ao cabo, son xente que mora aí ao lado, viven en Lisboa", di Uxía.

Lisboa segue sendo o centro da música da lusofonía, non si?
Si, é tremendo. Hai unha colonia caboverdiana impresionante, e tamén moitos músicos de Angola, de Mozambique... Lisboa é Portugal, pero é África tamén, e polas súas rúas circula sangue africana. E inflúe moito tamén na nova música portuguesa, nesas músicas urbanas que teñen unha grande ascendente brasileira, africana. Hai cousas moi interesantes. Vese moi ben nun documental que se chama Lusofonia, A Revoluçao. E comeza a verse tamén un pouco en Santiago, que comeza a ter ese mesmo carácter multicultural.

De aí o de gravar en Sintra...
Si, porque eles estaban alí. Pero tamén gravei alí porque traballar fóra de Galiza ofrece un maior sosego, non tes interrupcións.

Foi moi intensivo o proceso?
Neste disco o que levou máis tempo foi o proceso de preprodución, escollendo os temas, e buscando esa sonoridade nova. E aí foi fundamental a complicidade de Paulo Borges. Veuse para Santiago e aquí traballamos moito. E así, a medio camiño entre Santiago, Lisboa e as Azores, fomos cociñando o repertorio. O que máis nos preocupaba era atopar esa sonoridade que encaixase co que eu pretendía crear, que estivesen presentes eses sons do Atlántico, pero que tampouco fose todo demasiado evidente, demasiado explícito. Quería misturar os xéneros e os instrumentos, incluíndo ao mellor un cavaquinho nun tema tradicional galego, ou unha zanfona nunha morna caboverdiana.

Como entraches en contacto con Paulo Borges?
Coñecino na Azores, onde fun tocar a un festival, e aí xa falamos da posibilidade de facer algo xuntos no futuro. E xurdiu a posibilidade porque eu necesitaba que alguén fixese a dirección musical de Cantos na Maré.

Cando naceu o disco, aínda que fose como concepto?
Pois case cando nace o propio Cantos na Maré, no 2003. Porque en parte ese son que buscabamos estaba alí, en Cantos, sobre todo a través da banda base do festival que dirixía Paulo. Pero o proceso de preprodución propiamente dito, e a selección do repertorio, comezaron hai uns tres anos. E en paralelo, xurdiu tamén o proxecto das fotografías de Quim...

Como xurdiu ese proxecto? Foi unha proposta del ou túa?
Foi unha proposta miña. El é un artista xenial, pouca xente sabe que detrás desa estética tan fantástica de Berrogüetto está el. Quim ten un espírito renacentista: é un pouco escultor, un pouco fotógrafo... Ademais hoxendía a fotografía é un valor engadido nos discos. Se só ofreces música, a xente opta por baixalo do Emule. O libreto está moi coidado e debe ter ao redor dunhas sesenta páxinas.

Tedes en mente editar nun DVD estes concertos?
O concerto do sábado está gravado, en audio e vídeo. E a ver que facemos con iso, xa veremos se pode dar para un DVD. Neste disco é moi importante a imaxe, suxire e achega moitas cousas á musica. De todos os xeitos, gravaremos máis concertos, coa banda máis rodada.

A música leva séculos viaxando polo Atlántico: entre Europa e América, África e América, entre América e Europa... Así chegaron a Galiza as habaneiras, as rumbas...
Si, por iso a mestizaxe non é forzada en absoluto. Os galegos que emigraron a Río, a Salvador, a Lisboa..., trouxeron de volta outro espírito, e tamén levaron a música galega polo mundo adiante, esas músicas de ida e volta. De feito os galegos construímos boa parte da nosa identidade fóra, pero é nosa. Agora fálase de fusión, pero os galegos xa a coñeciamos, e agora o único que facemos é continuar esa tradición viaxeira. E eu o que fago co que chamo "músicas atlánticas" é reinterpretalas, percibilas e facelas miñas.

Conseguiches gravar unha morna, que é un xénero que che gusta moito...
Si, atrevinme. Teño cantado moitas mornas, mesmo diante da comunidade caboverdiana, e déronme o seu visto bo. Éunha especie de homenaxe a esa terra, a Cabo Verde, que me marcou moito. É un país moi distinto a Galiza, moi árido, pero eu percibín que había algo de Galiza alí, nese pobo mariñeiro, coma o noso. Hai que viaxar moito, e viaxar con ollos moi curiosos.

Supoño que é complicado elixir, pero tes unha cancion favorita no disco?
É complicado, si, pero seguramente sería As nosas cores, o tema que abre o disco, que é unha canción cun ritmo que abre moitas posibilidades, e de feito no álbum está en dúas versións, unha máis "afro". É tamén unha homenaxe ás mulleres, a Malvela, a Batuko Tabanka, esas mulleres afrogalegas. E fala tamén da forza do mar, que é a mesma forza das mulleres.

No álbum colabora moita xente, algunhas persoas xa ben coñecidas en Galiza, outras non. Cres que algún deles vai sorprender?
Pois seguramente o Zeca Medeiros, que ten unha voz espectacular e moi peculiar, e que pode ser considerado perfectamente o Tom Waits portugués. A verdade é que é un artista sensacional. Ou a voz de Sara Tavares, aínda que ela si é máis coñecida en Galicia. Ou Jon Luz, que puxo música a una letra miña en Danza Ritual.

Como ves a música galega neste momento no que xorden moitos grupos novos, e no que hai cambios en moitos grupos, comezando por Berrogüetto?
Creo que estamos nun momento inmellorable. Estase facendo música galega en todos os estilos, están aparecendo tamén cousas moi interesantes no folk, adentrándose en lugares que antes non se intentaban. Pero para min o máis importante é a aparición das voces: temos a Narf, a Marful, a Guadi, ou a Mercedes Peón, con propostas moi interesantes, moi vangardistas, que achegan cousas novas pero ao tempo miran cara a atrás. Nunca hai que perder de vista o futuro, as novas xeracións; os rapaces para escoitar música galega téñense que identificar con ela.

E xente moi creativa, como Pulpiño Viascón ou Marcos Payno, que andan metidos en mil proxectos...
Si, Pulpiño está no disco, e por exemplo o que fai en Bonovo é marabilloso, que xa era hora. No folk había un certo encasillamento, e a xente acomoudouse un pouco, e facía falta algo que axitase. E máis cousas que aparecerán. Estamos vivindo unha revolución.

Cres que se desaproveitou o auxe do folk nos noventa? Puido actuar despois como un obstáculo para intentar novos camiños na música galega?
Si, houbo un auxe que non se aproveitou ou aproveitouse moi pouco. E quizais algunha xente creu ver un filón en repetir as mesmas fórmulas no canto de arriscar, de intentar cousas novas. E algunhas das que había morreron de éxito. En cambio agora, nun escenario no que o folk galego quizais está un pouco de capa caída, están xurdindo apostas moi interesantes. O problema é que en Galiza nunca se apostou polas industrias culturais, pola promoción da nosa música no mundo, como sempre se fixo en Irlanda. Galiza xa daquela podería ter chegado a ser o que é Irlanda, e exportar a súa música, pero non se crearon os mecanismos axeitados.

Como ves as posibilidades da música galega de entrar no mercado lusófono?
Hai que aplicarse alí. Eu si conseguín entrar algo, pero a base de moito empeño. Hai que tomar a iniciativa, e non podes esperar que administración o faga todo, nin que unha discográfica che abra as portas de xeito milagroso. Tes que ir alí e facer os teus contactos. Ás veces parece que aquí estamos agardando a que alguén se lembre de que hai que dinamizar o mercado lusófono. Ao igual que nós consumimos música portuguesa, en Portugal tamén poden consumir música galega. Hai que reactivar todo iso, e non só na música. É certo que administración galega está agora máis sensibilizada, pero non pode quedar todo nunha declaración de intencións, que é onde queda todo ás veces

En Eterno Navegar está o Prestige, Nunca Máis...
Por suposto, no disco está presente o Prestige, e a loita dos galegos por salvar a costa, e Nunca Máis, que foi un movemento no que moitos estivemos metidos moi a fondo. Foi algo moi importante, que nos cambiou á vida aos galegos, unha especie de catarse colectiva que marcou un antes e un despois. E se miras cara a atrás, resulta complicado explicar como algo tan horrible puido reverter nalgo fermoso e esperanzador.

Inevitabelmente todo iso emerxe nas obras artisticas, de xeito máis explícito, ou máis sutil...
Si, como ben dis, hai obras nas que o Prestige e a reacción cidadá están presentes de xeito máis directo, máis explícito, e outras nas que aparece máis diluído. Pero foi o momento no que de verdade Galiza deu o gran cambio, e agora comezan a verse os froitos, en toda esta creatividade que está xurdindo. Os galegos quitaron de enriba esa especie de medo que tiñan e comezaron a arriscar, a apostar por cousas novas. Había unha Galiza adurmiñada, abafada, e despois de Nunca Máis hai outra Galiza, esa que chamamos a "Galiza do Nunca Máis".


4,71/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Paulo Borges leva anos colaborando musicalmente con Uxía
Paulo Borges leva anos colaborando musicalmente con Uxía
Quim Farinha está no disco como músico, pero sobre todo como fotógrafo da alma atlántica
Quim Farinha está no disco como músico, pero sobre todo como fotógrafo da alma atlántica