Un estudo dunha compañía de seguridade detectou o ataque, procedente da China, e que afecta a foros phpBB.
Investigadores da empresa McAfee estiman que arredor de 200.000 webs foron atacadas durante a última semana para infectar computadores. O ataque, que se produce días despois doutro que afectou a 10.000 sitios, aproveita debilidades en foros que empregan versións sen corrixir do software phpBB.
Os internautas que accedan ás páxinas afectadas son redirixidos ao que parece ser unha web pornográfica. Alí, mediante un engano coñecido como 'enxeñaría social' ofréceselles a descarga dun suposto códec para ver o vídeo, que en realidade é un troiano. Así, é o propio usuario o que infecta o seu computador. Unha vez completada a instalación, unha falsa mensaxe de erro avisa de que o códec non se puido instalar.
Do mesmo xeito ca o anterior ataque, que afectaba a webs que empregaban a tecnoloxía ASP de Microsoft, a páxina dende onde se descargan os programas maliciosos está aloxada na China, polo que se sospeita que poden proceder de aí os delincuentes cibernéticos.