Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Diana Gonçalves, cineasta

"En Galiza aínda hai moitas historias que contar"

A vencedora do maratón Play-Avid.doc explica de onde xurdiu a idea da súa curta 'Trapicheiras'.

Lucía Iglesias - 10:00 20/03/2008

Diana Gonçalves (Tui, 1986) acaba de gañar, xunto con Miguel Barbosa, o concurso Play-Avid.doc, que hai poucos días outorgaba o público asistente ao festival tudense. A xoven realizadora, que actualmente estuda o último curso de Comunicación Audiovisual no campus de Pontevedra, falou con Vieiros sobre as súas inquedanzas e proxectos, e como non podía ser de outra maneira, tamén o fixo sobre Trapicheiras, a curta documental coa que acadou o premio do concurso organizado polo Play-Doc e Avid.

Podemos dicir que o Play-Doc é unha xanela para que o mundo vexa un pouco do audiovisual que hai en Galiza, pero quizais sexa unha das poucas que hai no noso país...

Hoxe en día hai grandes dificultades para distribuír curtas e demais produtos audiovisuais, penso que deberían fomentarse máis iniciativas deste tipo e que cantas máis haxa mellor lle irá ao audiovisual galego, porque actualmente os que estamos interesados neste mundo só contamos como única plataforma con iniciativas como o Play-Doc. Penso que o audiovisual tamén é cultura e como tal as administracións deberían apoialo un pouco máis coa creación de máis festivais ou lugares onde mostrar o que se está a facer.

Aínda que tan só vai pola súa cuarta edición, o Play-Doc sorprende cada ano. Desta volta foi coa presenza do documentarista Lech Kowalski, que novidades lle gustaría que se incorporasen para o vindeiro ano?

Ante todo penso que o Play-Doc está moi ben organizado. O festival non só se celebra no Teatro, que é o punto neurálxico, senón que tamén hai diversas actividades que dinamizan a vida cultural en Tui. Ademais das master class, que foi o que máis expectación levantou este ano, tamén houbo concertos que axudaron a traer xente e a facer algo máis deste festival.

As master class foron impresionantes. Foi moi interesante asistir á clase impartida por Lech Kowalski e de feito case non había aforo suficiente para todos os que quixemos ir. Grazas a estas iniciativas estase a espertar o interese da xente polo documental, que parece o fillo menor do cinema. Por iso é importante a existencia de certames como este, para dar a coñecer os produtos deste xénero cinematográfico, que actualmente semella que ten como única ventá cara o público a televisión.

Vostede é de Tui, apoia a vila o festival?

A xente cada ano repara máis nel, cada vez vaise animando máis, pero a verdade é que a maioría da xente que vén é de fóra e xente nova.

Falemos agora un pouco sobre a curta. O concurso de Avid propuña realizar unha historia a partir da palabra "camiño", como xurdiu entón a idea sobre as trapicheiras?

Si, propuxéronnos crear a historia a partir de "camiño", con total liberdade para interpretala. Eu son de Tui, pero tamén teño familia en Portugal, e vivín a cabalo entre os dous lados da raia. Dende pequena sempre me chamou a atención o tema das mulleres que atravesan a fronteira para dedicarse ao contrabando. Vin a oportunidade e chamei a Miguel, propúxenlle realizar o proxecto e el decidiu acompañarme nesta aventura.

Tan só dispoñían de catro días para facer o guión, gravar, e editar, certamente, moi pouco tempo, como resultou a experiencia?

Gravamos nun día, montamos noutro e amañamos o son nun terceiro, pero a preprodución e o guión fixémolos a semana antes. Este era un proxecto que eu xa tiña en mente, e o Play-Doc deume a oportunidade de levalo a cabo, o que está claro é que se non era aquí, faríao de todos os xeitos noutro momento.

Foi moi dura a competencia cos outros grupos seleccionados para o cocnurso?

Teño que dicir que non. A verdade é que foi todo o contrario. Había moito compañeirismo e ningunha competencia. Entre todos de seguido conectamos moi ben e xurdiu unha moi boa relación. Colaborábamos os uns cos outros porque a todos nos unía un único fin, o de aprender e coñecer xente que tamén estivese interesada polo mundo audiovisual. Os propios representantes de Avid non podían crer o que vían, xa que en anos anteriores a competencia era feroz.

O concurso estabelecía que a duración máxima da curta tiña que ser de catro minutos, foilles moi difícil condensar unha historia en tan pouco tempo?

Si, foi unha das cousas máis difíciles. Custoume moito sacrificar momentos das conversas que mantivemos coa protagonista, pero as regras eran esas e había que aproveitar a ocasión. Aínda que a xente pense que canta menos duración teña un proxecto, máis doado é de facer, isto non é certo. É máis complicado que o público entenda unha historia en pouco tempo, e que se meta no argumento e chegue a vivir a situación.

Agora teñen a ocasión de realizar este proxecto cunha duración maior, como se presenta a oportunidade?

Polo de agora imos tomar unha semana de descanso, porque estes días foron moi intensos, houbo moitas emocións, pero canto antes nos poremos a traballar nun proxecto maior, a longo prazo.

Neste caso o festival xiraba arredor do documental, pero que prefire, o xénero da realidade ou a ficción?

Sempre tiven predilección polo xénero documental. Aínda que tamén teño feito algunha cousa de ficción, non é o mesmo que traballar coa realidade.

Xa para rematar, como cre vostede que se presenta o futuro para os novos realizadores galegos?

Non é doado entrar no circuíto, e é moi difícil darse a coñecer e atopar xanelas, pero hoxe en día temos moitas vantaxes, existen máis medios. Cunha cámara e con ganas poden facerse moitas cousas e poden contarse moitas historias. Nesta profesión é moi importante a ilusión e o espírito de sacrificio, que ademais ten que ser vocacional.

De todos os xeitos, penso que estamos diante dun bo panorama, xa que cada vez aparecen novos festivais e non fai falla marchar de Galiza para contar historias, e porque en Galiza aínda quedan moitas historias por contar. Cada vez somos máis os que nos dedicamos ao audiovisual e canta máis xente e máis puntos de vista haxa, mellor.


4.89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Diana Gonçalves durante o marantón Play-Avid.doc
Diana Gonçalves durante o marantón Play-Avid.doc
Recollendo o premio do concurso
Recollendo o premio do concurso
Xunto co seu compañeiro no proxecto, Miguel Barbosa
Xunto co seu compañeiro no proxecto, Miguel Barbosa