Segundo un informe elaborado pola Fecoma, tamén se contaría con outros 8.000 empregos se se estabelece a idade de xubilación nos 60 anos.
Os traballadores da construción están a realizar anualmente un total de 484 millóns de horas extra ilegais a nivel estatal segundo indica un informe elaborado pola Federación Estatal de Construción, Madeiras e Afíns (Fecoma), de CC.OO. Este dato supón que en Galiza se crearían aproximadamente 27.700 novos empregos se os traballadores cumprisen o seu horario de 40 horas semanais.
O secretario xeral da Federación da Construción deste sindicato en Galiza, Xesús Varela, explicou que actualmente os ritmos de traballo na construción supoñen unha xornada laboral de 10 ou 12 horas diarias, "incluso nas obras públicas". Existe un receso na construción e "as obras están a reducirse, aínda que non desorbitadamente en Galiza", pero se se cumprise o convenio de 8 horas diarias conseguiríase reducir o paro neste sector, que actualmente afecta a 18.000 galegos. Desta cifra, a metade son inmigrantes e a maioría xente moza e polo tanto con menos cualificación, o que supón que son máis vulnerábeis á hora de aceptar as condicións de contratación.
Dende a CIG, indican que o horario laboral é unha das denuncias permanentes que se veñen facendo polo sindicato. O secretario nacional da Federación da Construción, Xoan Xosé Melón, afirma que "se está a implantar unha xornada laboral de dez horas, que cada vez van a máis, e ninguén fai nada por evitalo". Unha das grandes preocupacións do sindicato é a "explotación dos traballadores estranxeiros", que son un dos colectivos máis prexudicados pola falta de normalización do convenio.
Xubilación aos 60
Outra forma de minimizar a crise do sector sería a través da implantación da xubilación aos 60 anos. Con esta medida crearíanse anualmente arredor de 8.000 empregos anuais (20.000 en cinco anos), evitando ademais riscos para os traballadores deste sector, que habitualmente están expostos a situacións perigosas.
Segundo o responsábel de Fecoma en Galiza, o da xubilación é un tema que se vén negociando co Goberno estatal dende hai tempo, mais "son remisos a escoitar". Para Xesús Varela "os traballadores de máis de 60 anos non deberían seguir nun sector con tantos riscos como o da construción". Pola súa parte, dende a CIG tamén se suman a esta iniciativa, pero indican que "cada vez se están a poñer máis trabas para que os xubilados obteñan o 100% da cotización", o que supón alongar a vida laboral dos traballadores.