Unha construtora pontevedresa está a promover un sistema de recollida da auga da choiva para o uso doméstico.
Se cadra non como antes... pero en Galiza chove, e na maioría dos casos esa auga desaprovéitase. A recente reforma legal impulsada desde a Consellaría de Vivenda estabelece que as novas construcións deben incorporar sistemas para a recollida e reutilización da auga de choiva e, en xeral, de toda a auga usada nunha edificación. Nese ámbito leva tempo traballando por exemplo a empresa de Chapela Naturhabit Construcción, que está a promover un sistema de recollida da auga de choiva para aproveitamento nos fogares que busca ante todo defender o medio ambiente e xa de paso, aforrar no consumo da auga.
Parece unha idea sinxela, e de feito o método xa se utilizaba antigamente, pero polo de agora, a promotora pontevedresa é a única que está a levar a cabo este tipo de arquitectura bioclimática no noso país. Os responsábeis da empresa pescudaron na maneira de aproveitar a auga da choiva, e mergullándose na rede, toparon cunha empresa alemá que estaba a levar a cabo proxectos similares, GRAF, e máis concretamente coa súa filial en Girona.
O método funciona grazas a un sistema de canlóns baixantes da cuberta, que chegan ao chan e conectan cun tanque. Esa poza ten un filtro no interior polo que pasa a auga, que logo chega á lavadora da roupa, ao lavadoiro ou ao sistema de rega, entre outras posibilidades, a través de conexións. O sistema conecta coa rede de auga, para garantir o subministro en todo momento.
Aforro e coidado do medio
Con este método, o aforro en auga para os fogares pode chegar ao 50 por cento, co conseguinte beneficio para o medio ambiente. Segundo o responsábel da empresa, Xosé Manuel Malleiro, "queríamos defender o medio ambiente, e a auga da choiva pode perfectamente substituír á potable para a lavadora, a rega, ou a auga sanitaria".
Por agora só é un proxecto, pero a empresa está a centrar todos os seus esforzos en promover a arquitectura ecolóxica, mantida en base a criterios de sostibilidade. Ademais do método de aproveitamento da auga da choiva, as vivendas ecolóxicas utilizan materiais diferentes aos das construcións tradicionais. Cáñamo, corcho ou outro tipo de produtos con menos impacto ambiental son os fundamentos da bioconstrución.
Mais isto non remata aquí, a construtora de Chapela segue a buscar novas propostas para acadar unha arquitectura orientada cara o coidado do medio ambiente, xa que, como di Xose Manuel Malleiro, "sabemos que agora hai auga, pero quen sabe que pasará mañá".
A noticia é moi positiva. Parabéns! O que xa non o é tanto é a expresión "sistema de "rego", "rego" querendo significar "réga", é dicir, irrigación, regadura. Trátase dunha simple tradución do castelán "sistema de riego". Tan interiorizada, ou "internalizada" está nos redactores a frase, que nin lles renxen as orellas ao escribila. REGO significa SUCO, e tamén REGATO, REGUEIRO, ABIRTA, CREVA, CANLE. RÉGA ven de regar, mollar, bañar, inundar, irrigar.
É unha mágoa que xoguemos así coa lingua.
Completamente dacordo com Inxel. A voltas cos neologismos e esquecemos o nosso vocabulário de sempre... nesta época de traduçons automáticas, já sabemos a que nos queda...
E se non chove aproveitemos o viño.
cando pretendín levar as cabo as máximas de ken livinstone no fogar marital e insinuei que soio deberíamos tirar da cadea logo de cinco ou seis mexadas, fun acusado por esposa e sogra de ser un solemne porco. e eso que non fixen variacións no uso da auga en caso de evacuacións intestinais ou vomiteiras ocasionais logo dunha noite de samba...