Por casualidade o acoso e agresión de veciños de Monteporreiro e Pontecaldelas contra o alcalde nacionalista de Poio, así como a presentación do documento pola integración e convivencia en Pontevedra, coincidiron coa captura do suposto secuestrador da pequena Mari Luz, en Andalucía. Contan que a noticia coincidiu tamén cunha reunión entre asociacións paias e xitanas en Penamoa e que alguén, xitano, fixo de voceiro da nova con estas palabras: “colleron o asasino da Mari Luz e non era xitano!”
Máis tarde, no incidente producido en Pontevedra á saída daquel acto, unha rapaza xitana formula con enfado aos representantes dos veciños contrarios aos realoxos, perante as cámaras de televisión, unha pregunta que ben podería resumir a situación vivida nestes días: “Sois todos los payos violadores?”
Por fortuna, despois duns días de deserto, no que só se escoitaba o berro irracional e contaxioso do prexuízo, comeza a sociedade a reaccionar e escoitáronse outras voces. No acto de Pontevedra o representante das ONG falou claro do racismo “que non nace da nada, que é coma o ovo da serpe”.
Chama a atención que, agora que a cousa afecta tamén ao Concello da Coruña, haxa tamén en prensa pronunciamentos do Delegado do Goberno –competente en cuestións de orde pública- , na que é contundente, sen escatimar adxectivos, falando de “mecha perigosa de racismo” e de que a “xente xitana honrada está desprotexida” e chega mesmo a falar “dunha manobra orquestrada por alguén”. Quédalle por explicar por que, como se di noutra parte dese mesmo xornal, se consentiu que catro familias traficantes en Penamoa contaminasen a imaxe de toda a barriada e fosen quen de atender a 300 clientes diarios á vista de todo o mundo.
Tamén resulta importante que no Parlamento Galego se debatan e acorden cousas como a erradicación do chabolismo e a integración. Propóñense estratexias posibilistas para casos de conflito agudo como o Vao e Penamoa, con poboamentos novos e transitorios. O “quid” da cuestión está en que eses plans se doten, que sexan unha prioridade despois de que desapareza o tema dos medios e de que realmente o transitorio non sexa por deixadez, unha vez máis, o definitivo.