Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O AKP Podería ser ilegalizado

A UE reproba o proceso xudicial en Turquía contra o partido gobernante

O fiscal xeral turco acusa ao partido no poder de ter unha "axenda islamista oculta" e pediulle ao Tribunal Constitucional que o prohiba.

Redacción - 13:50 31/03/2008

Entre a "preocupación" e a "incredulidade" se situaría a opinión dos ministros de Exteriores da Unión Europea, segundo revelou o comisario de Ampliación, Olli Rehn, ao respecto da solicitude pendente de resolver polo Tribunal Constitucional en Turquía sobre a ilegalización do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, AKP, e a inhabilitación dos actuais presidente e primeiro ministro.

"Nunha democracia europea normal, o tipo de cuestións políticas presentes neste caso deberían debaterse no Parlamento e decidírense nas eleccións, e nunca nos tribunais", reflexionou Rehn. Na súa opinión, o que acontece en Turquía con este proceso xudicial aberto é "un problema no marco constitucional" que lle esixiría de modificacións ao país, tanto da Constitución como da lei de partidos.

"Agardo que os xuíces teñan en conta o interese a longo prazo de que Turquía pode converterse nunha importante democracia europea que respecte todos os principios democráticos da UE", dixo Rehn, ás portas de que este luns se reúnan os membros do Tribunal Constitucional para revisar as acusacións da fiscalía e decidir se admiten a trámite a solicitude de ilegalización.

Entre "Deus" e "o pobo"
O fiscal considera que o AKP e os seus dirixentes deseñaron unha estratexia coa que pretenden cambiar o Estado laico actual por un modelo de estado confesional baseado no islam. No seu informe recolle entre outras unha cita dun discurso do actual primeiro ministro, Recep Tayyip Erdogan, onde este afirmaba en público que "a soberanía non lle pertence ao pobo, senón a Deus". Tamén recolle algunhas medidas promovidas polo partido, como é a separación por xénero nalgúns lugares públicos, a autorización de uso do velo nun hospital, ou intentos de restrinxir a venda de bebidas alcohólicas. Desde o AKP rexeitan as acusacións e insisten en que a formación sempre se definiu como moderada, conservadora e pro-occidental.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: