Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Relevo en Esquerda Nacionalista

"Nin hai BNG sen as súas partes, nin estas existirían sen o BNG"

Xosé Chorén, novo secretario nacional de Esquerda Nacionalista, reflexiona sobre a nova etapa que inicia este partido.

R.Noguerol - 19:35 31/03/2008

Vieiros: Con que conviccións e proxecto chega vostede ao liderado de Esquerda Nacionalista?
Xosé Chorén: Esquerda Nacionalista vén dun proceso interno complexo. E neste momento, ofréceseme a oportunidade e a responsabilidade de reconducir a situación de poñer os medios para que sexa posíbel a convivencia política nun ámbito de normalidade. Diante desa tarefa existen dous obxectivos. O primeiro é facer que os militantes se sintan útiles e representados no BNG. E do mesmo xeito, o segundo sería que Esquerda Nacionalista funcione de feito como ferramenta útil para o BNG.

O documento titulado "Bases para o Diálogo", co que EN traballou nesta asemblea, en que medida é guieiro a partir de agora? Refírome á idea de tender pontes con outras formacións, que semellaba ser un eixo destacado dos propostos
Efectivamente, o documento é o soporte para iniciar o traballo de aquí en diante. Hai persoas e organizacións coas que nos une unha proximidade. É posíbel a cohesión dun espectro ideolóxico que até o de agora non só é que estivera moitas veces demasiado difuminado, senón que ás veces andaba a labazadas no canto de construír en común un proxecto do socialismo galego dentro do nacionalismo.

Entendemos que EN é representativo dunha parte importante da sociedade galega. Nese contexto, é posíbel e necesario que a súa praxe política se transmita desde fora cara a dentro e que o BNG sexa permeábel a esa realidade.

Pero como se debera explicitar esa sintonía, unindo persoas e siglas, como EN insinuou no seu momento, ou a través doutras formas de colaboración?
Non existiría o BNG sen as súas partes, do mesmo xeito que tampouco estas existirían sen o Bloque. Esquerda Nacionalista aspira a un escenario onde poida existir unha sintonía clara entre espazos ideolóxicos moi próximos, e cos que estean máis afastados se produza, de calquera xeito, unha relación cordial, diáfana, e sempre en positivo. É necesario un diálogo fluído no interior do BNG, con todos e a todos os niveis. Non tería sentido que a dirección do BNG non estabelecese un diálogo fluído coas correntes e formacións que o integran, da mesma forma que tampouco o tería que estas formacións estivesen de costas.

Deu a impresión de que EN chegaba a esta cita nunha posición moi tensa, mesmo falando de facer camiño fóra do Bloque.. Sae agora da asemblea coa idea estrita de facerse valer dentro do BNG?
Eu non entendo a existencia de EN máis alá do que é un partido que xurdiu desde dentro do BNG, creado por xente que militaba no BNG, e que foi fundado para articular unhas ideas desde dentro e ser ferramenta para o BNG. Tendo iso en conta, hai que subliñar que a lealdade ao proxecto do BNG é absoluta. Pero evidentemente, lealdade tampouco quere dicir submisión. Hai diferentes postulados e formas de defender as cousas, pero tamén hai algo máis grande que nos une. EN existe, porque existe dentro do BNG.

Falouse desde EN de "mobbing político", de desprezos, de vetos... Co lastre dese tipo de rifas chegouse a un momento crítico até esta asemblea, con episodio de dobre convocatoria incluída...
Hai cousas que eu teño moi claras neste aspecto. Primeiro, os debates políticos deben ser iso, políticos, e non entrar no terreo do persoal. E segundo, hai xeitos de canalizalos internamente, sen necesidade ademais de crear polémicas estériles. Con respecto e optimismo, todo debe ter sempre unha solución, sempre recordando que calquera militante do BNG merece o mesmo respecto que pidamos para un mesmo.

E é posíbel resolver esa ferida máis recente en EN?
Falaba hai anos Xosé Manuel Beiras do "sentidiño". Isto significa que todo ten solución. Que non merece a pena queimar as bases con tirapuxas inútiles e hai que apostar por pensar que todos os conflitos son superábeis. Desde a amizade, o respecto e o aprecio persoal que nos temos todas as persoas que puidemos diverxer nun momento dado, eu penso que é posíbel unha solución.

Vostede é concelleiro en Lugo. Na práctica, e cara a eses desafíos dos que fala, en que medida vai influír o traballo a despregar desde o ámbito municipal?
O compromiso último é o éxito do BNG. E, con máis ou menos arestas, os debates deben darse con sentido e sempre en clave interna e no foro que corresponda. Cara a fóra non deben trasladarse as discusións que poden distorsionar a imaxe colectiva, que debe ser unívoca e clara. Eu veño agora mesmo dunha reunión á que asistín como concelleiro do BNG, son militante do BNG, traballo para o BNG. Ese é o proxecto común. Na medida en que todos os militantes poidamos servir de xeito permanente para que o proxecto avance e se consolide, estaremos tendo éxito na tarefa.

Nese camiño común, como analiza a situación do nacionalismo a un ano das próximas eleccións galegas... É vostede optimista? Que prioridades considera que deben poñerse en xogo?
O nacionalismo galego está nunha situación óptima para ser máis ambicioso. Nós consideramos que o traballo das xerais resultou exitoso. Fixemos esa valoración positiva porque visto o panorama co que se chegou ao 9 de marzo, o feito de que o BNG mantivese o tirón electoral demostra que existe un traballo do que se recollen froitos. Hai unha fidelización e unha consolidación que ten que ver co que se fixo até o de agora, e tamén co traballo institucional.

Non hai que esquecer que estamos diante dun punto de inflexión. O BNG debe consolidarse nun espazo, o Goberno, onde non estivera até o de agora. E 2009 traerá a primeira reválida verdadeira. Para esa altura, hai que dicir que as sensacións non son malas. O éxito chegará se o BNG é capaz de propoñer un discurso nidio, deixar determinados debates en clave interna e nos mecanismos que lle corresponden, trasladándolle un proxecto claro e sólido á sociedade. Ese é o camiño correcto. Este mesmo luns tiven oportunidade de falar co voceiro nacional do BNG, e coincidimos en avaliar que na medida en que todos nos recoñezamos como partes necesarias dun proxecto común e que se respecte e faga valer o que nos une e o que podemos achegar, podemos ser optimistas.


4.21/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: