Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, MUSICADO

"Se te non durmes, vén o morcego..."

Eloi Caldeiro, director de SonsGaliza e líder de Brath, ponlle música aos poemas infantís de 'Roseira do teu mencer', que interpretará o 17 de maio.

Redacción - 11:36 01/04/2008

Se te non durmes, vén o morcego/ manto de crego/ vén a curuxa/ cara de bruxa. Xosé María Álvarez Blázquez publicou en 1950 o que autores como Darío Xohán Cabana consideran "a máis alta expresión do sentimento paternal nas nosas letras". Acababa de nacer a súa primeira filla, María Luisa, máis coñecida por todos por Colorín. E desa emoción, do "amor desmesurado" que sempre sentiu por ela, naceron os poemas que conforman Roseira do teu mencer.

Roseira é un libro desprovisto de artificios, cuxos versos beben da poesía verdadeiramente popular, ademais da lírica neotrobadoresca que Álvarez Blázquez tan ben coñecía e practicou. É un libro que pode entrar no xénero da poesía infantil: Fuxe chuvia, fuxe sol/ fuxe roda de color/ que a meniña quer brincar/ coas areas do areal, pero que figura entre as obras poéticas galegas máis sólidas da primeira metade do século XX.

Poemas para escoitar
Roseira
foi reeditado este ano por Xerais, pero algúns dos seus poemas poderánse escoitar nun cd e dvd editados por SonsGaliza, grazas ao traballo de Eloi Caldeiro, director da discofráfica e líder de Brath. Caldeiro musicou once dos poemas do libro, os que mellor poden conectar co público infantil, afortalando un xénero da música para nenos que comeza a coller pulo nos últimos tempos no noso país. Os músicos que participaron na gravación do disco actuarán en distintos lugares de Galiza ao longo de maio, interpretando os temas do álbum, en concertos que terán aos rapaces como destinatarios.

O pasado ano Caldeiro e SonsGaliza editaron Palabra no tempo que comenza, un disco con dez poemas de María Mariño, homenaxeada na pasada celebración das Letras Galegas. Ao igual que o ano pasado, o disco acompáñase dun DVD na que se inclúen imaxes da vida de Álvarez Blázquez, e as palabras das persoas que o coñeceron: a súa familia María Luísa Cáccamo, e os seus fillos Pepe, Alfonso, Elena, Celso e Berta Álvarez Cáccamo, e os seus sobriños Darío e Alfonso Álvarez Gándara) e amigos (Francisco Fernández del Riego, María do Carme Krukenberg , Darío Xohán Cabana, Víctor Freixanes ou Luís Ferreiro).


4.09/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: