Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sanidade

"O licor café non é unha droga"

O Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galiza pide que se exclúan os licores tradicionais da nova lei de drogas, que limita a venda e a publicidade dos produtos alcólicos.

Redacción - 13:03 01/04/2008

Como xa o fixeran os responsábeis das cinco denominacións de orixe dos viños galegos, o Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galiza súmase ás alegacións do anteproxecto de lei integral en materia de drogodependencias proposto pola Consellaría de Sanidade, segundo o cal limitaríase a publicidade e a venda dos produtos alcólicos, especialmente os destilados. Esta medida afectaría ao Licor de Herbas, Licor Café e Augardente de Herbas de Galiza.

O organismo considera que "os destilados non poden ser comparados coas drogas" e solicitan un trato diferenciado para os licores e augardentes galegos ao seren estes "produtos de calidade enraizados na cultura galega". Dende Augardentes e Licores de Galiza "comparten a preocupación da sociedade e dos poderes públicos polo consumo desordenado e abusivo das bebidas alcólicas", mais "a solución non pasa por incluír neste regulamento aos destilados tradicionais do noso país".

Outra das preocupacións dos produtores é a asociación que se fai destes "produtos de calidade, recolleitos e elaborados no ámbito xeográfico de Galiza" con substancias aditivas e ilegais, xa que a iniciativa lexislativa identifica aos augardentes e licores como un produto que xera trastornos aditivos "nun texto que pretende lexislar sobre substancias estupefacientes".

Posíbeis solucións

O estabelecemento de convenios de autorregulación da publicidade é unha das necesidades que propón o C.R. de Augardentes e Licores de Galiza, así como a creación dun organismo no que participen as empresas do sector para "fomentar o descenso do consumo abusivo nos mozos e a educación na cultura e o consumo responsábel nos adultos".


4,33/5 (6 votos)


Comentarios (6)

BonKarallan #1 1/Abril/2008 BonKarallan

É un medicamento. Aínda que non se vende nas farmacias, grazas a deus.

BonKarallan #2 1/Abril/2008 BonKarallan

Aínda que polos prezos que ten nalgúns establecementos poida parecervos unha droga o licor café (ao menos o descafeinado sen alcol) non é unha droga.

En cambio o augardente de herbas pode ser. Depende das herbas. Se utiliza marihuana ou maría pode chegar a ser unha droga, pero só das brandiñas.

(1 de abril)

buarque #3 1/Abril/2008 buarque

Teño que presupoñer que o Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galicia sabe moito da elaboración desta bebida alcóolica, pero moi pouco de saúde polo que están a demostrar. O que me parece gravísimo é que ao final sexa un problema de rendemento económico e que lles preocupen tan pouco os menores de idade aos que vai dirixido principalmente este Anteproxecto de Lei que dubido moito que teñan lido con atención. Que estean a discutir se o augardente é unha droga ou non paréceme completamente estéril. As definicións fanas os técnicos de cada ámbito, supoño que neste caso persoas especializadas en sanidade e fartas de bregar coas consecuencias da inxesta deste produtos.
Eu non sei se o alcool é unha droga ou non, o que si sei é que os efectos dun consumo continuado son devastadores para a persoa que o bebe e para todas aquelas que a rodean.
En canto á tradición do noso país no consumo de augardente non me di nada. En Bolivia pasan o día a mascar follas de cocaína e non nos atreveríamos a dicir que non é unha droga.
E polo que eu sei Galicia está á cabeza de España en canto a número de alcóolicos. Polo tanto, por favor, teñan un pouco máis de tino os produtores de viño e de augardente antes de facer declaracións desta caste, que nos teñen completamente aborrecidos. Creo que está ben que se acabe coa tradición, xa que lles gusta a palabra, de insistir para que alguén tome unha bebida alcoólica baixo a argumentación de "unha non fai mal,ho". Iso si cando esa persoa acaba deitada sen sentido na rúa entón ninguén é responsable e pasa a ser a escoria da sociedade.

Barcelos #4 1/Abril/2008 Barcelos

E o consello regulador do Tabaco non pide nada? E os fabricantes de armas?

Claro que non é unha droga, senón habería que ir compralo a Penamoa.

Deberíase incluir no botellón.

Só é necesario beber con moderación. Cun litro diario chega.

xesta #5 2/Abril/2008 xesta

Bah, non vos preocupar, o de Buarque é deformación profesional ( é da sanidade seguro), drogas hai moitas pero con moderación vanse levando.

COUTOVEN #6 2/Abril/2008 COUTOVEN

Home, non falemos moi duro. Pero o alambique clandestino que ten a miña familia preto de chantada. Canto augardente produciría? e canto licor café e augardente de herbas fíxose co mesmo?

Non vou negar que o consumo pouco ortodoxo destas bebidas poida ser considerado certamente unha adicción. Pero se alguén pensa iso. Vexan este vídeo, escenificado por un presidente “democrático” onde en pleno horario infantil recomenda o consumo non precisamente de licor café.

http://es.youtube...

Espero que poñan especial atención nos últimos segundos do vídeo. Onde sinala que Evo lle manda PASTA DE COCA. Desde cando o consumo de PASTA DE COCA é costume dos pobos indíxenas e moito menos saudable?

Por favor, non satanicemos á nosa augardente galega e non perdamos esa pouco legal, pero tradicional costume de utilizar o noso alambique clandestino familiar. Para facer o noso augardente e o noso licor café.Iso si. Só para o noso consumo e convidar aos amigos

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: