Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Batalla no PP ourensán

"Como estamos non podemos seguir", avisa Cabezas a Baltar

Impulsado pola intención da dirección actual do PPdeG de meterlle man ao fortín baltarista, o ex alcalde racha o silencio e pide "cambio de rumbo".

Redacción / Europa Press - 09:00 02/04/2008

O soterrado enfrontamento entre as diversas sensibilidade no PPdeG ourensán vai dando mostras de levar ao público a batalla que enfronta a medio prazo. O significativo descenso en apoios do PP na provincia na última cita coas urnas, moito máis evidente na propia cidade das Burgas, recupera agora para o primeiro plano a Manuel Cabezas, ex rexedor popular da cidade.

Así, afirmaba Cabezas este martes que se o PP afronta importantes cambios a nivel estatal "cunha renovación absoluta dentro do partido" e se o propio Alberto Núñez Feijoo dicía que o PP faría en Galiza "un cambio tranquilo e sen cataclismos", na súa opinión, "Ourense debe facer exactamente o mesmo porque non debe ser unha illa allea a estes procesos".

Dese xeito, e referíndose explicitamente ao actual presidente provincial, Xosé Luís Baltar, dixo Manuel Cabezas que neste momento o PP debe "antepoñer o partido por enriba de calquera outra cousa e as persoas". "Falar de persoas sería simplificar demasiado as cousas", dixo así e todo Cabezas. "Os feitos falan por si mesmos e na situación na que estamos non podemos seguir", advertiu o ex rexedor. "Non se trata de ir contra ninguén senón a favor dun partido que deu todo de si e ten que seguir dando todo de si", explicou.

"Cambio de rumbo" e renovación "de persoas"
O ex alcalde ourensán tamén falou sobre a súa escasa presenza na recente campaña electoral do PP na provincia de Ourense. "Procuro non estar onde alguén considere que non debo estar", dixo Cabezas, enfrontado desde hai anos ao actual presidente da Deputación, Xosé Luís Baltar.

De paso, falou a prol dun "cambio de rumbo" no PP en Ourense tras os resultados conseguidos nas eleccións xerais do 9 de marzo, nas que os populares perderon un escano por esta circunscrición, recoñeceu que os resultados supoñen "unha derrota sen paliativos" e receitou como solución "un cambio de rumbo, renovar persoas e caras novas". Para iso, chamou a acometer "profundas renovacións en organismos de dirección, xuntas directivas e comités executivos". "Non son palabras miñas, senón que son palabras de moitísimos alcaldes, dirixentes do PP que se están a manifestar", advertiu Cabezas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: