Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FUTURO ENERXÉTICO

Fenosa: "Nuclear? Si, grazas"

Honorato López Isla, vicepresidente primeiro da empresa, aposta por esta enerxía, ao tempo que criticou o canon hidráulico da Xunta.

Redacción - 11:50 05/04/2008
Honorato López Isla

Honorato López Isla

O vicepresidente primeiro e conselleiro delegado de Unión Fenosa, Honorato López Isla, amosouse "partidario de desenvolver, coas debidas condicións, a enerxía nuclear", porque advertiu de que "é imposible cubrir todas as necesidades" coas renovábeis. Nunha conferencia en Santiago destacou que a nuclear é desde o punto de vista enerxético "boa", do sostíbel "regular porque os residuos están controlados, pero non resoltos", e do económico "bo".

O número dous de Fenosa contrapúxoa ás enerxías renovábeis, pois dixo que estas son "enerxéticamente regulares", pois "non se teñen cando se necesitan". "É imposíbel xestionar o vento e o sol; xestionamos un pouco a auga cos encoros e vén o conselleiro e ponnos un canon", ironizou sobre a intención da Xunta de penalizar a enerxía hidráulica polo seu impacto ambiental.

Honorato López Illa foi especialmente crítico coa solar fotovoltaica, pois cualificou de "despropósito" pagar sete veces máis por tela. Neste sentido, non se mostrou contrario ao seu desenvolvemento, "pero non á conta das demais".

Na súa opinión, para o futuro "farán falta todas as enerxías", as fósiles, a nuclear e as renovables, e alertou de que o gran reto "é a eficiencia", pois "é moi boa" desde todos os puntos de vista, enerxético, sostible e económico. Por iso, apelou a implantar "unha cultura" do aforro, pois lamentou que a luz nas casas "sexa un adorno" e o uso das calefaccións e o aire acondicionado "un despropósito".

Ademais, sobre as enerxías fósiles (petróleo, carbón e gas), que son as máis contaminantes, afirmou que os países emerxentes, sobre todo do surleste asiático, vanas seguir desenvolvendo, polo que avogou por "avanzar tecnoloxicamente" e trasladar esas melloras a esas zonas que incrementarán de xeito moi importante o seu consumo enerxético.


1.8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: