O actor anunciara en 2002 que padecía a enfermidade de Alzheimer.
Finou unha das últimas lendas vivas de Hollywood. Charlton Heston faleceu esta noite na súa casa de Beverly Hills, acompañado da súa dona Lydia, con quen estivo casado 64 anos. Heston ten unha filmografía ampla e moi popular, especialmente as películas que protagonizou nos anos sesenta e setenta, comezando polos filmes bíblicos e históricos, como Os dez mandamentos (1956), 55 días en Pekín (1963), A meirande historia nunca contada (1965) ou Ben-Hur, pola que recibiu o Óscar ao mellor actor en 1960. Tamén protagonizou un bo número de filmes de ciencia ficción, como O planeta dos simios (1968), the Omega Man (1971) ou Soylent green (1973).
Nas últimas décadas mantivo unha posición política moi clara en favor dos gobernos ultraconservadores de Ronald Reagan, e George Bush, principalmente a través da National Rifle Association (NRA), lobby do que foi presidente, defendendo o uso de armas de fogo nos Estados Unidos. Porén. nos anos sesenta utilizou o seu protagonismo para defender causas relacionadas cos dereitos humanos, acompañando a Martin Luther King na Marcha polos Dereitos Civis en Washington en 1963, cunha faixa onde se lía: "Todos os homens nascem iguais". Opúxose á guerra do Vietnam e mesmo defendeu o control das armas nun debate televisivo en 1968.