Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TEÑEN AUTORIZACIÓN DO MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE

Preparan ensaios con millo transxénico en oito concellos sen o permiso de Medio Rural

A Consellaría de Medio Ambiente tamén apoia os cultivos, que ocuparían leiras de Val do Dubra, Touro, Mesía, Ribeira, Arteixo, Vilalba, Castro de Rei e Lalín.

Redacción / EP - 19:07 05/04/2008

As multinacionais de biotecnoloxía Monsanto e Painer preparan ensaios de millo transxénico en oito municipios galegos. Estas dúas empresas pretenden cultivar nos municipios coruñeses de Val do Dubra, Touro, Mesía, Ribeira e Arteixo; nos lucenses de Vilalba e Castro de Rei; e no pontevedrés de Lalín millo transxénico MON-810 e NK603, que foi sometido a unha manipulación xenética para que sexan resistentes ao herbicida glifosato, ás pragas de trades e ataques de certo vermes.

A autorización dalgúns destes cultivos experimentais, que no algún municipio suporá contar con varias leiras, é competencia do Ministerio de Medio Ambiente, favorábel a estas plantacións a condición de que conten co "visto e prace" da Comisión de Biodiverisdade.

Este informe supón que os cultivos de transxénicos cumpren cunha serie de requisitos de seguridade entre os que se inclúen distancias mínimas con outros cultivos ou a introdución de sementas convencionais que actúen como trampa do pole. A permisibilidade do ministerio cara a este tipo de cultivos permitiu que o pasado ano foron plantadas unhas 75.000 hectáreas de millo modificado con xenes de bacterias en España.

Discrepancia entre Medio Rural e Medio Ambiente
A posición do ministerio é "compartida plenamente" pola Consellería de Medio Ambiente. Con todo, nalgúns casos a autorización depende directamente da Consellería de Medio Rural, que xa advertiu de que "non entra na súa estratexia" apoiar estas plantacións.

Medio Rural afirma que estes cultivos non achegan ningunha mellora significativa á produción nas condicións de cultivo de agricultura de Galicia. Ademais, interpretou que a súa popularización "pode lesionar" a imaxe de marca de Galiza como país que ten unha agricultura produtora "de alimentos de calidade e respectuosa co Medio Ambiente". Así mesmo, Medio Rural alertou que "non está suficientemente probada" a ausencia de riscos para a conservación da biodiversidade vexetal e animal.

Plataforma Galega Antitransxénica
A seguridade destas prácticas tamén é posta en dúbida por ecoloxistas e sindicatos agrarios que coinciden en cuestionar a eficacia das medidas establecidas polo Ministerio de Medio Ambiente para pór coto aos riscos ambientais e para a saúde que vinculan cos transxénicos. Por iso, quince organizacións ecoloxistas, culturais e agrarias crearon a Plataforma Galega Antitransxénica, que serán presentada o luns en Santiago de Compostela, e que busca que Galicia sexa declarada zona libre de transxénicos, tal e como sucede xa en Canarias, Asturias, País Vasco e Baleares e noutras 170 rexións e países de Europa.

Pretenden trasladar a "fórmula" que se iniciou en Cataluña: promover unha iniciativa lexislativa popular no Parlamento, que prohiba en Galicia os ensaios e cultivos de produtos modificados xeneticamente. Para iso, serán necesarias 15.000 firmas.

Charo Sánchez, do Sindicato Labrego Galego, asegurou que non existe ningún "pro" que atribuír a este tipo de plantacións, "xa que todos son contras". Así, alertou dos problemas "demostrados" para a saúde, non só relacionados con alerxias, resistencias a antibióticos senón efermedades graves en riles e fígado. En materia ambiental, esta plataforma asegurou que supón un "ataque directo" ao patrimonio, xa que pon "en perigo" as sementes e cultivos autóctonas, "cuxa coexistencia cos transxénicos é imposible".

Ademais, estas entidades augurararon a posibilidade de "enfrontamentos" entre os produtores de cultivos transxénicos e os convencionais ou de agricultura ecolóxica, "xa que estes cultivos supón un ataque directo a este tipo de prácticas", interpretaron.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: