Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
COMPILACIÓN DE NOVOS AUTORES

Novas letras para a literatura galega

Un libro-cd reúne as colaboracións realizadas no xornal 'Infoxove' por autores das máis recentes xeracións, que tamén len os seus textos.

María do Cebreiro. Os heavies e as poetas

Redacción - 11:40 08/04/2008

Dende a súa aparición, o xornal Infoxove, editado pola Dirección Xeral de Xuventude, incorpora a sección Letras Novas, pola que pasaron, mes a mes, boa parte dos máis prometedores autores novos do país. Narradores e poetas da nova xeración, nacidos nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta (con algunha excepción), que están achegando novas voces e novos discursos ás letras galegas. Agora, esas 51 colaboracións aparecidas en Letras Novas publícanse nun libro, co mesmo título, que incorpora, ademais, un cedé con moitos deses textos lidos polos seus propios autores., conformando un valioso arquivo sonoro.

No libro están Antía Otero, María Lado, Lucía Novas, María do Cebreiro, Elvira Riveiro, Alberte Momán, Francisco Castro, Rosa Aneiros, Inma López Silva, Rosa Enríquez, Marica Campo, Estíbaliz Espinosa, Diego Ameixeiras, Rafa Villar, Arsenio Iglesias, Lucía Aldao, Mario Regueira, Samuel Solleiro, Xiana Arias, Oriana Méndez, Leo F. Campos, Daniel Salgado, Olga Novo, Lorena Souto, Yolanda López, Olalla Cociña, Emma Pedreira..., e así até 51.

María do Cebreiro. Os heavies e as poetas

Máis mulleres ca homes; poemas, relatos, pequenas pezas de teatro ou breves ensaios, nun libro imprescindíbel para coñecer dunha ollada a literatura que se está a facer en Galiza, a que está e a que vén. "Porque o mañá aínda está por construír e a mellor obra aínda está por crear", como escribe o Consello Directivo da Asociación de Escritores no limiar do libro.

No acto de presentación do libro, que tivo lugar este luns en San Caetano, estiveron presentes Rubén Cela, director xeral de Xuventude e Solidariedade, e Cesáreo Sánchez e Antía Otero, presidente e vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Xuventude e AELG volverán asinar un convenio que fai posíbel a difusión destes novos autores a través dun xornal mensual, Infoxove, cunha tiraxe de sesenta mil exemplares. No acto anunciouse a celebración de 35 obradoiros de creación literaria, impartidos por autores galegos de recoñecida experiencia e realizados coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e a AELG.


3.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Antía Otero, Rubén Cela e Cesáreo Sánchez, este luns na presentación do libro-cd
Antía Otero, Rubén Cela e Cesáreo Sánchez, este luns na presentación do libro-cd