Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NA GALERIA LASSALETTA

Luís Feito: caligrafías e análise na forza expresiva do pintor informalista

A creación sen planificación previa e logo a reflexión sobre o que se proxecta de dentro para fóra. O resultado: a síntese da xestualidade e mais o estudo.

Lito Caramés - 17:30 07/04/2008

A Galería Lassaletta presenta nestes días unha exposición de obra actual de Luís Feito. A verdade é que non fai outra cousa que seguir na súa liña de abrir as portas da galería da Rambla de Catalunya con pezas de artistas de importancia e recoñecemento acreditado.

Antes de Feito puidéronse ver creacións destes anos de Genovés, outro peso pesado da pintura española actual. E aínda non hai un ano, mentres celebraba os trinta anos de vida, presentou unha ampla mostra de Palencia. Deuse a casualidade (buscada, por suposto) que aló polo ano 1977 abriron a galería cunha mostra de Benjamín Palencia. Bo xeito de celebrar aniversarios.

Agora chega a creación actual de Luís Feito. Feito (Madrid, 1929) foi membro fundador, no ano 1957, do grupo El Paso, conxunto de artistas moi influentes na pintura española da segunda metade do século XX. Na fundación de El Paso, Feito compartiu cartel con Canogar, con Chirino, con Millares e con Saura, entre outros.

A arte sae das tripas

Feito segue apostando pola arte informalista, tal e como se pode apreciar nas obras que están expostas agora na galería Lassaletta e que estas verbas acompañan no portal de vieiros, tan sensible ás manifestacións culturais. Aos seus setenta e nove anos, e logo dunha longa traxectoria como pintor, os traballos actuais de Feito continúan a mostrar a forza expresionista de sempre. "A pintura é algo que sae das tripas directamente polo brazo e mais pola man". Estas declaracións de Feito orientan no seu xeito de traballar e mais nas súas conviccións sobre o que é a pintura. Tamén ten dito que el comeza o traballo na tea sen un plan definido, e logo, segundo o que vai saíndo e o que a mesma tea lle suxire, vai decidindo xa de xeito reflexivo.

Luís Feito sempre foi partidario deste método. O primeiro a pincelada orixinal, o primeiro trazo sobre unha superficie branca, virxe. A espontaneidade do creador. Segundo o artista, o resultado final pode perfectamente non ter nada que ver coas trazas que a obra comezou tendo, xa que ao impulso inicial, espontáneo e expresionista, sucede logo despois o estudo e a análise do creador.

A súa obra hoxe en día ten moito que ver coas influencias orientais. Varias das pezas que se poden ver nas paredes da galería Lassaletta son puras caligrafías, trazos monocromos, ou case monocromos, sobre un fondo uniforme. Usa o pincel como se fose un monxe escribindo na lingua universal das emocións e dos sentimentos. Semella que Feito quere confirmar que o que busca é a pintura en estado puro, sen figurativismos, sen pexas que limiten a liberdade da man e do cerebro. Feito recorre a propostas zen para extroverter, de dentro a fóra, a maxia do silencio.

Noutras obras, a superficie é atacada por manchas de cores vivos, en claro contraste con bandas negras que tratan de ordenar (ou desordenar) o espazo das teas. En calquera caso, sempre se trata da expresión que produce a propia materia pictórica. A pintura dentro da propia pintura.

O que non debe estrañar, vendo estas creacións dos anos 2006 e 2007 -lixeiras de contido, co lastre mínimo para poder transmitir a emoción- é que Feito admire a Rothko. En Rothko non hai formas, só hai amplas superficies ocupadas por unha cor. E emoción, moita emoción.

EXPOSICIÓN: FEITO

Galería Lassaletta
Rambla Catalunya, 47 | Barcelona

Horario: de luns a sábados, de 10 a 13,30 e de 17 a 20,30 horas. Até o 30 de abril.
Entrada de balde.


2,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: