A familia do cámara asasinado polo exército estadounidense manifesta o seu malestar coa actuación do goberno de Zapatero.
Cúmprense hoxe cinco anos dende aquel 8 de abril de 2003 en que un proxectil do exército norteamericano impactou contra o Hotel Palestina de Bagdad, onde traballaban un gran número de xornalistas. O ataque acabou coa vida do galego Xosé Couso, cámara de Telecinco, do xordano Tareq Ayoub, correspondente de Al-Jazeera, e do ucraíno Taras Protsyuk, cámara de Reuters. Dende o comezo da invasión estadounidense morreron máis de trescentos xornalistas en Iraq, a a meirande matanza de periodistas na historia.
A familia de Couso conmemorará o quinto cabodano cun conxunto de actos que queren lembrar, principalmente, que os responsábeis da morte do xornalista aínda non foron xulgados. Ás doce do mediodía deste martes o consistorio de Madrid colocou unha placa dedicada a Couso, na casa na que viviu (rúa Ponzano 64); e en Bagdad rendíuselle unha homenaxe no mesmo Hotel Palestina, coa presenza dunha delegación da familia do ferrolán.
O acto central da xornada terá lugar ás 20.00 horas cunha concentración diante da embaixada norteamericana en Madrid; intervirán Maribel Permuy (nai de Couso), Belen Gopegui e Inma Chacón, e haberá actuacións musicais a cargo de Ismael Serrano, Luis Pastor e Samba Da Rua.
Críticas ao goberno
A familia de Xosé Couso segue a esixirlle ao goberno norteamericano que esclareza os feitos, que colabores coa xustiza española e que cumpra a legalidade internacional e os Convenios de Xenebra. Pero as súas críticas tamén se dirixen ao goberno español. Non entende como despois de que o PSOE lles amosase todo o seu apoio cando estaban na oposición, agora se dedique a "entorpecer o proceso". Denuncian en especial a actitude do Fiscal Xeral Cándido Conde-Pumpido, despois de que argumentase que o ataque contra o hotel Palestina non era un delicto perseguíbel.
O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz ordeou a busca e captura internacional dos militares estadounidenses responsábeis, considerando probado que o obxectivo do ataque era "aterrorizar os xornalistas", algo confirmado polo feito de que ese mesmo día dirixíronse ataques ás cadeas televisivas Al Yazira e Abu Dhab. Porén, a Fiscalía Xeral do Estado tentou arquivar o proceso. De igual xeito o Ministerio do Interior tense negado repetidamente a cursar as ordes internacionais de detención cursadas polo xuíz Pedraz.
Os familiares de Xosé Couso son unhas persoas admirabeis pola teimudez coa que continúan reclamando dos poderes establecidos unha reparación pola morte do cámara galego.
E se están de uñas co goberno de Zapatero, non sei qué pensarán das institucións, partidos e sindicatos da Galiza que non promoven nengún tipo de acto de recoñecemento e de apoio. Tan só lembro actividades nese sentido por parte do sindicato CNT en Compostela e en Pontevedra, onde levan agardando que os concellos de Progreso teñan a ben incluir o nome de Xosé Couso entre os rótulos para as novas rúas. Do mesmo xeito na Galiza tamén levan calados organismos como a Facultade de Xornalismo ou os sindicatos gremiais de xornalistas e mesmo o Colexio de Xornalistas.
Será que Xosé Couso non produce votos.