Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A PROTAGONISTA: A PALABRA

Malandrómeda: "Nos inicios do rap na nosa lingua houbo prexuízos polas dúas bandas"

Entrevistamos unha das bandas de hip hop do país que combina experimentación e vangarda.

Marcos S. Pérez - 11:30 11/04/2008

Di un tópico moi estendido que os galegos falamos cantando. Pero hai galegos e portugueses que cantan falando, tamén. Este venres achégase a Compostela unha das bandas de hip hop máis potentes da Galiza do sul, que serán teloneados polos Malandrómeda, un dos grupos galegos que mellor riman.

Da Weasel (a donicela, a doninha) formáronse en 1993, cantando en inglés con temas xa míticos como God Bless Johnny. Ese mesmo ano gravaron o seu primeiro álbum, Dou-lhe Com A Alma, xa en portugués, primeiro disco de hip hop dunha banda do país. Despois chegaron 3º Capítulo e Iniciação A Uma Vida Banal- O Manual, un álbum cuxo éxito permitiulles telonear un concerto dos Red Hot Chili Peppers en Lisboa. Seguíronlles Podes Fugir Mas Não Te Podes Esconder e Re-Definições, cun grupo xa consolidado e coñecido en todo Portugal e que nese tempo gañou en dúas ocasións o Premio MTV ao mellor grupo portugués. Agora presentan Amor, Escarnio e Maldizer, un álbum duro, de forte crítica social.

Precisamente as cantigas de amor, escarnio e maldizer (e as de amigo) conforman a meirande riqueza literaria da lingua galego-portuguesa, dous países cunha lingua, que malia á fenda aberta durante séculos, volve xuntarse da man da música, do hip hop neste caso, demostrando que as bandas portuguesas teñen un espazo natural na Galiza, do mesmo xeito que a música galega ten un público e un mercado en Portugal.

Da Weasel. Dialectos da ternura

Malandrómeda, en Galiza rímase en galego

Esta sexta feira, no escenario da Sala Capitol de Compostela os Da Weasel serán precedidos do hip hop de Malandrómeda, un proxecto musical que segue sorprendendo e gañando seguidores. O concerto, que está organizado pola Fundación Via Galego, comezará ás dez da noite e as entradas teñen un prezo de dez euros.

Malandrómeda son Hevi e Caldeirada, con anos de experiencia facendo rap en Galiza e en galego (Colectivo urbano, Non Residentz...), e que continúan a traballar en moitos proxectos paralelos, cos propios Non Residetz ou Foddiebarbaconna, entre outros. En 2006 publicaron o seu primeiro traballo, Os estranos sempre traen malas novas, once temas que se poden descargar de balde na súa web, e meses máis tarde un ep titulado Chegan tarde. Hip hop de altísima calidade, xogando coa experimentación e a vangarda.

Vós fúchedes unha especie de pioneiros con Colectivo Urbano, practicamente os primeiros en rimar en galego, e despois con Non Residetz... Como foron eses inicios para o hip-hop en galego?
Os inicios xa foron difíciles para o hip hop en xeral, pero para o rap en galego houbo prexuízos por ambas as dúas bandas, aínda que tamén houbo xente apoiando que aínda hoxe estan aí e que se agradece moito. Por certo que Non Residentz aínda sobrevive, e aínda que leve un camiño lento, hai un disco por chegar...

Por que credes que o hip-hop, o rap, e os ritmos urbanos en xeral, teñen tanto éxito, sobre todo na xeración que agora ten entre 15 e 25 anos?

Será por ser unha proposta diferente, ou tamén por ter máis protagonismo nos medios ca antes...

Que queredes dicir cando vos definides como 'homes máquina'?
Unha metafora da mutación que nace ao traballar tanto cos aparatos; parece que queda un híbrido entre humano e máquina, unha mellora cibernética da especie. As máquinas non teñen malicia, os erros que cometen meteullos un humano.

Para vós a música é inseparábel da imaxe. Iso verase tamén no concerto?
Depéndeche do día, coma quen se vai haber máis técnica ao servizo do 'bolo' cá propia expresión corporal dos músicos. Pero vai ser 'crudiño', unha imaxe sincera e sen maquillaxe. Ao mellor está máis depurada a imaxe da rede. O concerto é mais un xogo de sedución 'cara a cara'.

Tedes algún tema que é case un himno, como o Mama Mandanga, toda unha "oda" á maría. Tedes algunha canción favorita?
Supercán é un clásico que nunca falla, así falando máis barato...

Continuades cos vosos proxecto paralelos ou agora estades máis centrados (ou ídesvos centrar máis) en Malandrómeda?
A máquina nunca descansa, todos os proxectos de TeMazo.org están aí, aínda que cada un co seu ritmo.

Teremos novas cancións de Malandrómeda pronto?
En xuño sairán dúas novas nun vinilo 7", que se presentarán o dia 6 na Sala Nasa co LP de Juanito Broders. Por suposto teredes todo na web de moca.

Segue 'chovendo merda' en Galiza?
Todas sabedes que si.

Tocáchedes algunha vez con Da Weasel? Gústanvos?
Nunca, é a primeira, peñita pro pro, hai que verlle o directo.

Que papel credes que cumpre a música para a normalización da lingua, sobre todo entre a xente nova?
A música ten un papel que aínda fai pero para a xente nova fai falla outro Shin Chan, falando só a un nivel lingüístico, sen meternos a gustos...

Malandrómeda. Supercán


4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: