Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MÁIS DE 50 CANDIDATURAS

Fai as túas propostas para os Premios Nacionais

Continúa aberto o espazo para que os lectores de Vieiros ofrezan as súas suxestións sobre quen debería optar aos galardóns.

Redacción - 09:00 15/04/2008

Son xa 54 as suxestións recibidas no espazo aberto para facer propostas para os Premios Nacionais de Cultura. Algunhas plantexadas máis en serio, e outras facendo uso desa técnica tan galega, patrimonio cultural inmaterial, que é a retranca.

Na categoría de Arquitectura e Espazos Públicos, hai tres candidatos, dúas persoas: Gallego Jorreto ("porque é o mellor arquitecto galego na actualidade, porque fai as cousas ao caladiño, sen grandes alardes mediáticos e porque se retira este ano") e Andrés Fernández Albalat ("Por adiantarse varias décadas á preocupación pola ordenación do territorio"); e unha entidade, o Colexio de Arquitectos.

En Artes visuais, os candidatos amplíanse a Isaac Díaz Pardo, Miguelanxo Prado, Francisco Leiro e BD Banda. Pola súa banda, en Artes Escénicas destaca Manuel Lourenzo, con dous votos, aínda que tamén foron propostos Cándido Pazó, a Sala Nasa e a Federación Galega de Teatro Amador.

Tamén en Literatura hai un candidato sobranceiro, Xosé Luis Méndez Ferrín, igualmente con dúas nominacións ("por toda unha traxectoria literaria, vital e política de compromiso irrenunciábel a prol de Galicia, da lingua galega e dos valores que nos identifican como país"). Tamén están entre as suxestións dos lectores Manuel Rivas ("porque Méndez Ferrín precisa un duro competidor"), Chus Pato, Bieito Iglesias, Xosé María Álvarez Cáccamo e a Editorial Rinoceronte.

A categoría de Música é a que acumula un meirande número de candidaturas, cun total de once. Milladoiro é o único que repite, e canda a eles aparecen Luar na Lubre, Roxelio Groba, Ana Kiro, Baldo Martínez, Motor Perkins, Pai Música ou Malandrómeda. O Proxecto Galicia, Francisco Pillado e O Castro- Sargadelos son candidatos en Patrimonio Cultural. E Beiras e Beramendi en Pensamento e Cultura Científica. En Cine e Audiovisual Pradolongo é proposto por dous lectores, e tamén aparece Luis Tosar.

En Iniciativa Cultural repite candidatura Isaac Díaz Pardo, e faino por partida dobre. Xunto a el aparecen a Candidatura á UNESCO da tradición oral galego-portuguesa e a Fundación Rodríguez Iglesias da Coruña. Finalmente, na categoría de Cultura Tradicional e de Base, aparecen a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, a Asociación O Varal e o Cineclube de Compostela.

Premio Nacional de Retranca
Por suposto, a retranca dá para moito, e hai outro tipo de propostas, que se cadra non serán escollidas, pero que os lectores deixan caer con moita intención. Así, Reganosa merecería o Premio Nacional de Arquitectura "polo singular edificio que chantou na Ría de Ferroliño", José Luis Baltar debería optar ao de Artes Escénicas "por ser o mellor showman do país", Manolo Mera ao de Literatura "pola síntese e concreción dos seus escritos" ou Anxo Quintana "porque é un tipo moi tradicional".

Tamén aparecen nas propostas Edilberto Alonso na categoría de música, Galicia Bilingüe na da Iniciativa Cultural, e Manuel Fraga na de Pensamento Científico "porque "cando Fraga pensa tremen as bases da ciencia moderna. De feito que aínda estea aí vai máis alá do científico, xa a un plano metafísico ou paranormal".


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: