Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SALÓ DEL CÓMIC, DO 17 AO 20 DE ABRIL

A banda deseñada galega, á conquista de Barcelona

Galiza contará cun stand de venda no que participarán dez editoras, asociacións e autores independentes do país.

Redacción - 09:00 16/04/2008

O Saló Internacional do Cómic de Barcelona, que terá lugar do 17 ao 20 de abril, é a cita máis importante do cómic no eido estatal.

Máis de 30 creadores viaxarán até alí para amosar a banda deseñada galega. Alberto Guitián, Jacobo Fernández, Kiko Da Silva, David Rubín, Bartolomé Seguí, Miguel Porto, GoChi, Norberto Fernández, Fausto, David Lorenzo, Mariano Casas, Hugo Covelo, Miguelanxo Prado ou Victor Rivas, son algúns dos autores que participarán no evento e que representan aos colectivos BD Banda, Cerditos de Guinea Cómics, El Patito Editorial, Faktoría K, Fuck Cómics, Las historias de Mariano, Polaqia e Retranca.

E como froito dos premios acadados o pasado ano polos nosos autores Miguelanxo Prado, David Rubín e o fanzine Barsowia, do colectivo Polaqia, a organización do 26º Saló Internacional do Cómic de Barcelona decidiu organizarlles tres das sete mostras previstas para o evento.

Galiza, cun espazo de seu
Galiza terá cun stand de venda da banda deseñada no que participan dez entidades entre editoras, asociacións e autores independentes do país e que porán a disposición do público máis de medio cento de publicacións. Este novo espazo é unha proposta da Mesa da Banda Deseñada e conta co apoio do departamento que dirixe Ánxela Bugallo.

Entre o material promocional que se achegará a Barcelona destaca o folleto ‘ABC BD' elaborado polo Consello da Cultura Galega e que fai un repaso do panorama actual da BD galega a través de autores, obras, editoras, colectivos, distribución... Así mesmo, tamén estarán dispoñibles outras publicacións de carácter informativo como ‘5 anos de BD', un folleto co programa das actividades galegas e o catálogo da exposición ‘Dez anos de BD galega'.


4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: